O alcalde, Jacobo Pérez, asistiu á inauguración das dependencias, situadas no número 5 da Rúa Sarnadela, que desde o vindeiro luns acollerán máis de 20 actividades, nas que tomarán parte máis de 800 usuarios e usuarias
Pérez Gulín destaca a importancia de facer realidade un proxecto que era “prioritario” para o Goberno local, que aposta por “ofrecer os mellores servizos áos nosos e ás nosas maiores, de xeito que beneficie a súa calidade de vida”
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, participou este sábado no acto de inauguración do novo Fogar do Maior, unhas dependencias situadas no número 5 da Rúa Sardanela que serán “o gran punto de encontro das persoas maiores da nosa vila, no que poderán participar en numerosas actividades, socializar e gozar de diferentes servizos”, tal e como indicou o propio rexedor. Pérez Gulín ten claro que a deste sábado é “unha xornada histórica” para Caldas de Reis, xa que “hoxe culminamos un proxecto prioritario para este Goberno local e que pon o foco en ofrecer unha mellor calidade aos nosos e ás nosas maiores, que tanto fan por nós e tanto aportan ás nosas vidas”.
No novo Fogar do Maior viviuse unha gran festa, á que asistiron representantes de diferentes colectivos, usuarios e usuarias e membros da Corporación municipal. O baixo conta cunha extensión próxima aos 900 cadrados e comezará a súa actividade o vindeiro luns, 10 de novembro. As primeiras actividades que acollerá serán as de Alfabetización Dixital, Ximnasia de Mantemento, Novas Tecnoloxías e Memoria Psicomotricidade. Desde a Concellería de Benestar Social organízanse máis de 20 propostas para este curso 2025-2026, que, unha vez máis, volven a contar cunha alta demanda. A día de hoxe xa son máis de 800 os usuarios e usuarias inscritas.
Durante a inauguración, o alcalde salientou que o baixo adquirido e rehabilitado polo Concello de Caldas de Reis conta con todas as prestacións, comodidades e características axeitadas para que sexa “o gran fogar das nosas persoas maiores”. As instalacións dispoñen de seis espazos de grandes dimensións, adaptados para acoller distintos usos, que varían en función das necesidades das iniciativas programadas. Estas seis aulas son a Fortaleza (para actividades de ximnasia e mantemento), Lembranzas (estimulación cognitiva), Maxín (expresión artística), Sabedoría (faladoiros e coloquios) e, unha das máis especiais, Abeiro, que será un salón social, no que “os veciños e veciñas que así o desexen poderán vir de luns a domingo, no horario de apertura do centro, para socializar e pasar un tempo de lecer de calidade”. Esta sala contará con xogos de mesa, prensa, revistas, xogos de mesa e televisión e nela organizaranse bingos semanais e outras iniciativas. O Fogar do Maior conta, asemade, cun almacén, un despacho e aseos.
“Con esta inauguración ábrese unha nova etapa para Caldas de Reis e para un segmento da nosa poboación cuxo benestar para nós é prioritario e innegociable”, concluíu Jacobo Pérez.



