O módulo de Xardinería e Forestal atópase actualmente poñendo a punto a Carballeira de San Xusto, en Bemil, espazo no que se celebrarán diferentes eventos e festas durante as vindeiras semanas
Tamén se acometeron tarefas de mantemento e limpeza en tramos do Camiño Portugués ou enclaves como a fervenza de Segade
O equipo de Xardinería e Forestal do Obradoiro de Emprego ‘Os Camiños no Camiño’ de Caldas de Reis, que neste 2026 chega á súa quinta convocatoria, céntrase nestas xornadas na posta a punto da Carballeira de San Xusto, na parroquia de Bemil. Ao longo das últimas semanas, as persoas integrantes deste modulo procederon á limpeza e mantemente de diferentes espazos verdes e áreas públicas do municipio, poñendo moito o foco na contorna e emprazamentos venncellados ao Camiño Portugués. Ademais, tamén se efectuaron traballos na fervenza de Segade, na que se atopa a antiga Fábrica da Luz. Segundo explica o alcalde, Jacobo Pérez, “agora os esforzos céntranse na Carballeira de San Xusto, de cara a un mes de setembro moi intenso, no que haberá varias celebracións na parroquia”. A primeira delas será esta fin de semana, coas Festas de San Xusto, e con programas lúdicos que continuarán ata a última fin de semana de setembro, na que se conmemora o Perpetuo Socorro. “Aproveitamos a tregua que nos dou a choiva nos últimos días para poder completar estes traballos”, indicou o rexedor.
Cómpre lembrar que son 20 as persoas que forman aprte do Obradoiro de Emprego, repartidas entre o devandito módulo de Xardinería-Forestal e o de Albanería. A acción, que o Concello retoma tras uns anos de ausencia, está financiada con máis de 450.000 euros, financiados a través da Xunta de Galicia. Os e as integrantes son persoas desempregadas que permanecerán traballando para a Administración local ata ben entrado o primeiro trimestre de 2027. O obradoiro comezou a principios de xuño e ten unha duración de nove meses.
A través desta proposta o que se busca é ofrecer formación, tanto teórica como práctica, para potenciar a inserción laboral, ao mesmo tempo que se aposta por recuperar e manter en boas condicións o patrimonio local, poñendo o foco especialmente no Camiño Portugués e noutros espazos de interese. O Concello de Caldas de Reis, coa recuperación de ‘Os Camiños no Camiño’, mantén a súa aposta por achegar ferramentas e iniciativas que axuden a potenciar o emprego.

