Os alumnos da especialidade de carpintería embelecen espazos públicos con elementos de madeira
Os 10 alumnos traballadores da especialidade de carpintería do Obradoiro de Emprego Queda en Mos II embelecen o Sendeiro do Río Louro, parques, zonas verdes e espazos públicos, entre outros lugares do Concello de Mos. Os participantes no obradoiro atópanse estes días instalando elementos que previamente construíron nas instalacións da Axencia de Colocación do Concello, entre eles un banco solicitado pola veciñanza da parroquia de Torroso para unha marquesina na Estrada Louriñó-Sobráns, onde se reúne a diario un nutrido grupo de habitantes da zona que xa bautizaron a bancada como “O Parlamento”. Así, o Concello de Mos continúa volcado no Mos das persoas, escoitando aos veciños e respostando ás súas demandas, ao tempo que embelece espazos comúns con mobiliario urbán e outros elementos de madeira que constrúen o Mos do fermosismo e harmonizan coa contorna rural mosense.
O Obradoiro Dual de Emprego, Queda en Mos II, conta con 20 participantes e conta con subvención da Xunta de Galicia que ascende a 531.000 euros. Este Obradoiro, dirixido a persoas en situación de desemprego, comezou o pasado mes de decembro co obxectivo de mellorar a empregabilidade dos participantes. As dúas especialidades que se imparten durante o ano que dura este Obradoiro Dual de Emprego do Concello de Mos son Carpintería e Márketing Dixital. En cada unha delas hai 10 alumnos/as-traballadores/as.
Os fins deste Obradoiro, segundo destacaron as representantes municipais, a alcaldesa Nidia Arévalo e a concelleira de Formación e Emprego, Julia Loureiro, son “incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral dos veciños en situación de desemprego, cunha formación adaptada ás demandas reais do mercado”. Trátase dun programa que mellora a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade, con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.
Carpintería para un Mos máis fermoso e volcado nas persoas
Os integrantes da especialidade de carpintería atópanse volcados en contribuír ao Mos do fermosismo e das persoas coa elaboración de mobiliario urbán, elementos para espazos públicos do municipio, así como para parques infantís e zonas verdes, e restauración e fabricación de mobiliario para os centros educativos do Concello.
Algúns dos lugares de Mos nos que están a traballar e actuarán durante o desenvolvemento do obradoiro son o Paseo do Louro, a Aldea Alfacuca en Louredo, a senda do Foxo Vello en Pereiras, o parque de Sanguiñeda, etc. Na Aldea Alfacuca dotarán de mobiliario ao coworking rural que alí se está a desenvolver, na senda do Foxo Vello instalarán barandas, bancos e papeleiras, construirán areeiros para o parque infantil de Sanguiñeda, e para outros espazos públicos e zonas verdes fabricarán tamén bancos, papeleiras e mesas. Destas últimas haberá dous modelos, unha para adultos e outra infantil cun tres en raia incorporado no propio deseño do taboleiro da mesa. Por último, deseñarán e confeccionarán unha serie de xogos tradicionais dirixidos ao alumnado participante na vindeira Feira de Formación e Emprego do Concello de Mos, FormaMos.

