HomePontevedraBaixo MiñoO outono píntase en acuarela no Rosal

O outono píntase en acuarela no Rosal

- Anuncio -spot_img

A artista internacional Gemma Marqués impartirá un novo taller dos Obradoiros de Outono o sábado 22 no Muíño das Aceñas

Aberto o prazo de inscrición para participar nunha actividade para todos os públicos con prioridade para menores de 30 anos

A natureza convértese en estudo de arte no Rosal. Os Obradoiros de Outono chegan cunha nova proposta que busca ofrecer unha experiencia artística e sensorial cun taller de acuarela da man da recoñecida artista plástica de referencia internacional Gemma Marqués. Unha cita o sábado 22 de novembro de 10.00 a 13.00 horas no Muíño das Aceñas na que a muralista, docente e xestora cultural de La Casa Taller ensinará a todas e todos os participantes o paso a paso do proceso creativo en acuarela.

Dirixido a persoas interesadas na pintura, este taller non require formación previa e busca que cada participante poida descubrir novos recursos, trucos e técnicas que lle permitan crear obras persoais e expresiva. O obxectivo é gozar da contorna e da natureza, aprender a pintar en acuarela dun xeito rápido e eficaz e coñecer mellor as cores e o seu uso creativo.

A actividade está aberta a toda a veciñanza, aínda que con prioridade as persoas menores de 30 anos, e terá un prezo reducido de 14 euros por participante. As praza son limitadas, polo que as persoas interesadas poden xa formalizar a súa inscrición a través do formulario web habilitado polo Concello. Unha vez realizada a inscrición, o Concello contactará coas persoas interesadas para confirmar a súa participación e recibir información sobre o modo de pago.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que esta proposta “consolida a aposta do Concello por ofrecer actividades de calidade, conectadas coa cultura, coa natureza e coa creación artística como ferramenta de benestar e aprendizaxe para toda a veciñanza”. E, como sinala o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, permite facelo “da man de talentos locais de recoñecido prestixio nacional e internacional. Unha oportunidade magnífica para que rosaleiros e rosaleiras poidan explorar novos camiños creativos e descubrir o valor artístico e artesanal da contorna que nos rodea”.

Con esta nova cita dos Obradoiros de Outono, o Concello do Rosal continúa ampliando a súa oferta de talleres e actividades estacionais, apostando por propostas que poñen en valor o territorio e fomentan a participación cultural en espazos naturais singulares.

Publicacións Relacionadas