HomePontevedraPontevedraO "Paseo das Estrelas Científicas" completa o programa do 8M nos colexios...

O “Paseo das Estrelas Científicas” completa o programa do 8M nos colexios de Vilaboa

- Anuncio -spot_img

A iniciativa achega referentes femininos da ciencia, cinco delas ligadas a Vilaboa ao alumnado do CPI O Toural e do CEP Riomaior os días 11 e 12 de marzo

O Concello de Vilaboa completará os actos de conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia cunha actividade especial nos centros educativos do municipio. O “Paseo das Estrelas Científicas”unha proposta educativa e participativa que busca dar visibilidade ás mulleres referentes no ámbito científico e fomentar vocacións entre o alumnado. Esta iniciativa forma parte da programación da concellaría de Igualdade para o 8M, cuxo acto central será a entrega do Premio 8M ás mulleres do Entroido de Cobres, en recoñecemento ao seu labor esencial na preservación e transmisión desta tradición e que terá lugar este domingo ás 19 horas na Casa de Cultura de Riomaior.

A actividade desenvolverase nos centros CPI O Toural e CEP Riomaior, onde se instalarán estrelas no chan dos corredores dedicadas a diferentes científicas destacadas como Begoña Vila, Amparo Alonso Betanzos, Elena Vázquez Cendón, Marisol Soengas, María Victoria Lareu, Peregrina Quintela, Aida Fernández Ríos, Alicia Estévez Toranzo ou Yasmina Martínez Barciela, entre outras. O alumnado poderá percorrer este paseo descubrindo as contribucións destas investigadoras e coñecendo mellor o papel fundamental das mulleres no avance da ciencia.

O programa contará tamén coa participación de investigadoras da contorna de Vilaboa, que compartirán co alumnado a súa experiencia profesional e persoal. Entre elas estarán Zeltia López Gallego, especialista en quirópteros; Romina Fernández Poceiro, coordinadora de ensaios clínicos; Silvana Poceiro Fernández, técnica de investigación no CSIC; María Pilar Paredes Ríos, física e docente de FP; Alexandra Rodríguez Pereiras, investigadora en ecoloxía e cambio global; e Bea Lago Núñez, técnica de laboratorio na Misión Biolóxica de Galicia.

O proxecto ten como obxectivo achegar a ciencia á comunidade educativa dun xeito atractivo e accesible, ao tempo que promove referentes femininos próximos e actuais para as nenas e mozas do municipio. A iniciativa pretende tamén combater os estereotipos de xénero que historicamente afastaron a moitas mulleres das carreiras científicas e tecnolóxicas.

 Este contacto directo permitirá que as nenas e nenos coñezan de primeira man como é o traballo científico e poidan imaxinar o seu propio futuro nestes ámbitos.

O Paseo das Estrelas Científicas desenvolverase en dúas xornadas. No CEP Plurilingüe Riomaior terá lugar o 11 de marzo, con tres sesións dirixidas ao alumnado de Primaria. No CPI O Toural celebrarase o 12 de marzo, con dúas sesións destinadas ao alumnado de Primaria e ESO. En total, serán cinco encontros nos que a ciencia se achegará ás aulas a través de referentes femininos próximos e inspiradores.

O alumnado recibirá unha chapa conmemorativa que converterá a xornada nun recordo especial desta celebración da ciencia e da igualdade. Con esta proposta, a Concellalía de Igualdade reafirma o seu compromiso coa educación, coa igualdade de oportunidades e coa promoción de referentes femininos que animen ás novas xeracións a explorar o mundo científico.

Publicacións Relacionadas