O pavillón municipal de Soutomaior pasará a chamarse pavillón da Montesiña ‘Alfonso Pazos’

adminON
Lectura mínima de 2

Soutomaior acollerá tamén un acto de homenaxe a Alfonso Pazos nas vindeiras semanas, coa inauguración dunha placa conmemorativa e diferentes intervencións

O Goberno de Soutomaior vén de anunciar que o pavillón municipal pasará a nomearse Pavillón da Montesiña ‘Alfonso Pazos’, en homenaxe a este ilustre veciño do noso concello, un dos pioneiros do baloncesto en Soutomaior, quen durante varias décadas foi adestrador e presidente do Club Baloncesto Arcade e quen sempre levou a cabo calquera tarefa que fose necesaria para que os xogadores puidesen practicar o baloncesto nas mellores condicións. Numerosas xeracións de mozos do noso concello estiveron guiados polas súas ensinanzas sobre o baloncesto e sobre a vida, algo que agora o Goberno de Soutomaior quere honrar con este recoñecemento.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, foi quen lle comunicou ao propio Alfonso Pazos esta decisión do Goberno de Soutomaior, tras falar primeiro cos seus familiares e achegados. En palabras do alcalde Manu Lourenzo, “dende o goberno de Soutomaior sentimos que aqueles que, como Alfonso Pazos, dedican unha vida enteira a súa paixón e que ademais dan todo o seu tempo e agarimo para compartila con todo un pobo ano tras ano son os que fan que o mundo sexa mellor”.

Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que poñer o nome de Alfonso Pazos ao pavillón municipal “responde á débeda histórica que o baloncesto e o deporte en xeral do noso concello ten con este ilustre veciño, quen durante décadas se entregou en corpo e alma a construír un Soutomaior mellor e para toda a veciñanza”.

Ademais deste recoñecemento, o Goberno de Soutomaior prepara un acto de recoñecemento a Alfonso Pazos de cara as vindeiras semanas, na que se instalará unha placa conmemorativa con nome do homenaxeado no pavillón municipal e que contará con diferentes intervencións que o Concello de Soutomaior irá anunciando.

Comparte este artigo