A imaxe corporativa municipal aprobada polo Goberno Local en 2022 vaise implantando paulatinamente en todos os ámbitos e propiedades municipais. E onte foi o momento do Pavillón municipal dos deportes de Pontevedra.
O “Municipal”, obra do prestixioso arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota, viviu unha importante reforma entre 1984 e 1985 momento en que se colocou a recoñecida cuberta branca do edificio e sobre a que se rotulou o seu nome.
A Concellaría de Deportes, que dirixe Anabel Gulías, acordou hai uns meses o pintado desa “capota” porque estaba bastante descolorida polo paso dos anos. Esta intervención obrigou a borrar o nome do pavillón que agora se recupera seguindo a imaxe corporativa municipal: co novo logo e a nova tipografía, e corrixindo algúns erros normativos do pasado.
Os traballos comezaron o martes e remataron o xoves, dende cando se pode ler: Pavillón municipal dos deportes de Pontevedra, en tipografía Geomanist (a elaborada para uso exclusivo do Concello de Pontevedra) e na cor azul corporativa.
O “Municipal” é un sinal de identidade de Pontevedra e, especialmente, do seu deporte por iso a nova rotulación volve a escribir unha nova nota da súa historia.
O seguinte chanzo da Concellaría de Deportes será a completar a rotulación do Campo de Pasarón, así como a instalación dun novo videomarcador e da megafonía.
Imaxe corporativa municipal
A implantación da imaxe corporativa, aprobada en 2022, estase facendo seguindo criterios racionais e de eficiencia, é dicir, executando primeiro as menos custosas para as arcas públicas como o ecosistema dixital municipal que se puido adaptar en cuestión de meses, e logo aproveitando traballos de mantemento, de rehabilitación ou de renovación de equipos como o caso dos vehículos municipais. Este foi o caso do Pavillón municipal dos deportes.