HomeVigoMosO Pazo de Mos acolle unha emotiva xornada de concienciación sobre o...

O Pazo de Mos acolle unha emotiva xornada de concienciación sobre o dó e a morte xestacional, perinatal e neonatal

- Anuncio -spot_img

O Pazo de Mos converteuse esta tarde nun espazo de lembranza, apoio e empatía durante a Xornada de Concienciación sobre o Dó e a Morte Xestacional, Perinatal e Neonatal, organizada pola asociación Bolboretas no Ceo co apoio do Concello de Mos e da Fundación Pazo de Mos.

Baixo o lema “Somos unha de cada catro”, a iniciativa buscou dar voz ás familias que pasaron pola perda dun fillo ou filla durante o embarazo ou nos primeiros días de vida, promovendo a visibilidade e o acompañamento emocional fronte a unha realidade que continúa a ser, en moitos casos, silenciada.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou na súa intervención “a importancia de romper o silencio, acompañar e tender pontes de empatía arredor dun tema tan humano e sensible”. Arévalo agradeceu o labor de Bolboretas no Ceo e recoñeceu “a fortaleza e xenerosidade das familias que, compartindo a súa experiencia, axudan a outras persoas a non sentirse soas”.

A xornada contou coa participación da matrona María Domínguez Caramés, do Hospital Álvaro Cunqueiro, quen compartiu ferramentas para o acompañamento emocional das familias; así como testemuños de nais e pais que relataron as súas vivencias. Ademais, realizouse un obradoiro da lembranza, no que as persoas asistentes elaboraron laciños solidarios e pulseiras conmemorativas como símbolo de unión e esperanza.

A presidenta de Bolboretas no Ceo, Olaya López Alonso, subliñou que “ningunha familia debería pasar soa por unha perda así”, e agradeceu a acollida do Concello de Mos, “que abriu as súas portas e o seu corazón a unha causa tan necesaria”.

Con este acto, Mos súmase ao Mes da Concienciación do Dó e Morte Xestacional, Perinatal e Neonatal, reafirmando o seu compromiso con a saúde emocional, o apoio ás familias e a creación de espazos de coidado e comprensión dentro da comunidade.

Publicacións Relacionadas