HomeVigoMosO persoal municipal de Mos participa nas Xornadas de Igualdade do 25N

O persoal municipal de Mos participa nas Xornadas de Igualdade do 25N

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos reforzou esta semana o seu compromiso coa igualdade e coa prevención das violencias machistas coa participación do persoal municipal nas Xornadas de Igualdade “Igualdade efectiva entre mulleres e homes: entendendo a violencia de xénero”, organizadas no marco do 25N – Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Esta formación responde ás liñas de traballo do IV Plan de Igualdade Municipal, que promove o uso dunha linguaxe non sexista e libre de elementos discriminatorios en toda a documentación municipal, así como a capacitación do persoal político, técnico e das persoas integrantes da Mesa Local contra a Violencia para coñecer as diferentes formas de violencia de xénero, a súa repercusión e os recursos dispoñibles.

As xornadas tiveron como obxectivos principais fomentar o uso dunha linguaxe inclusiva e non sexista na comunicación administrativa, mellorar a detección e actuación fronte a posibles situacións de violencia de xénero e dotar de ferramentas prácticas para favorecer unha atención igualitaria, respectuosa e libre de discriminación.

A formación estruturouse en dúas sesións simultáneas en grupos reducidos, nas que se traballou tanto o uso da linguaxe inclusiva na administración como un protocolo básico de actuación ante casos de violencia de xénero.

As sesións foron impartidas por José Ángel Ruibal Pérez, ex inspector da Policía Local de Pontevedra criminólogo e axente de igualdade, e polas axentes de Igualdade Carmen Sotelo Conde e Lorena Núñez Rodríguez.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “a formación interna é esencial para consolidar unha administración sensible, preparada e comprometida coa igualdade real e coa erradicación das violencias machistas”.

Actividades do programa do 25N

No marco da programación municipal, continúa aberta ata mañá na Biblioteca de Mos a exposición bibliográfica “Rompendo silencios”, centrada en obras que promoven a reflexión sobre igualdade e violencia de xénero.

Ademais, este sábado ás 20:00 horas, o Centro Dotacional de Torroso acollerá a obra de teatro “Sophie non é o meu nome de guerra”, de Redrum Teatro, unha proposta escénica que busca visibilizar e denunciar as violencias que sofren as mulleres e promover a reflexión colectiva.

Publicacións Relacionadas