• Os grupos da Corporación aprobaron a moción conxunta elaborada con motivo da celebración da campaña do 25N e que foi exposta pola tenente de alcalde e edil de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio)
• Máis de 80 mozas e mozos de 4º de ESO participaron hoxe nunha sesión integrada dentro do programa #DesenRÉDate
O Pleno da Corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción a través da cal todos os grupos (BNG, PSdeG-PSOE, Avante Poio e Partido Popular) reafirman o seu compromiso na loita contra a eliminación da violencia machista. A elaboración deste documento é unha das iniciativas impulsadas a través campaña ‘Poio planta cara á violencia machista’, desenvolta pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) ao longo das últimas semanas, con motivo da conmemoración do 25N. A tenente de alcalde e responsable da área, Silvia Díaz (Avante Poio), foi a encargada de dar lectura ao texto, a través do cal a Administración local corrobora unha serie de compromisos, como “manter a loita contra a violencia como unha das máximas prioridades na axenda política local”, así como impulsar a formación en igualdade do persoal municipal, ao tempo amosa a súa predisposición para crear a Mesa Local de Coordinación Interistitucional contra a Violencia de Xénero, en colaboración coa Xunta.
Ademais, durante a súa exposición, Díaz trasladou a necesidade de seguir fomentando a creación de asociacións de mulleres “como espazos de participación e empoderamento feminino”. A moción busca, asemade, facer “un pronunciamento público, por parte desta Corporación, contra toda forma de violencia de xénero”. Os catro grupos municipais coinciden tamén á hora de instar a outras administracións, como o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia, a que se impliquen de xeito activo na dotación de ferramentas e fondos para erradicar a violencia machista. Así, entre as demandas trasladadas a ambas institucións especifícase a necesidade de que os orzamentos autonómicos de 2023 contemplen, como mínimo, o 1% de investimentos para recursos contra esta lacra social, así como poñer en marcha os catro centros previstos de atención 24 horas a vítimas de violencia sexual. “Debemos ser parte da solución da violencia estrutural que se exerce contra as mulleres e nenas”, advertiu Díaz, ao tempo que recalcou a obriga de “non resignarnos a normalizar a violencia machista e moito menos permitir que as mensaxes negacionistas, que rompen o consenso social e político, nos fagan retroceder nesta loita”.
Sesións integradas do proxecto #DesenRÉDate no IES
A tenente de alcalde, acompañada pola directora do CIM, Raquel Morales, visitou este martes o IES de Poio, onde o alumnado se está a implicar de xeito activa en varios obradoiros e sesións educativas deseñadas con motivo da campaña do 25N. Unha destas iniciativas é o proxecto #DesenRÉDate, no que tomaron parte máis de 80 rapazas e rapaces de 4º de ESO. Logo das sesións de traballo grupais específicas para alumnas e para alumnos, que versaron, respectivamente, sobre empoderamento feminino e novas masculinidades, o estudantado levou a cabo unha sesión integrada.
Silvia Díaz incide na importancia seguir traballando co eido educativo, achegando á mocidade ferramentas que sirvan para consolidar a detección e supresión de comportamentos machistas e que reforcen os valores de igualdade entre o alumnado.
Ademais, a concelleira de Igualdade lembra que en xaneiro tamén se desenvolverá no IES o obradoiro ‘Conéctate con cabeza’, destinado a estudantes de 1º, 2º e 3º de ESO, así como para 1º de Bacharelato.
Este mércores celebrarase a Mesa Local da Violencia de Xénero.



