Na sesión do pleno ordinario de outubro que esta tarde celebra a Corporación de Redondela anunciarase a nova organización das áreas do goberno local. Hoxe tomará posesión como membro do grupo municipal do PSdG PSOE Vicente Lamas, quen xa formara parte do goberno local no anterior mandato.
Lamas asumirá as concellerías de Limpeza Viaria, Limpeza de Praias, Mercados e Parroquias. A alcaldesa, Digna Rivas, sumará a Normalización Lingüística a nova concellería de Memoria Democrática. O edil Alberto Álvarez mantén as áreas de Medio Ambiente, Sanidade, Transición Enerxética e Participación Cidadá, ás que suma as áreas de Emprego e Ensino. Antonio Cabaleiro, responsable de Urbanismo, Patrimonio, Transparencia e Novas Tecnoloxías incorpora a área de Deportes. Pedro Villaverde segue como concelleiro de Parques e Xardíns, Feiras e Limpeza e roza de beiravías. A concelleira Rita Pérez mantén as mesmas competencias con Economía e Facenda, Cultura e Turismo, Persoal, Interior e Seguridade. Iria Vilaboa mantén as concellerías de Servizos Sociais, Igualdade, Benestar Comunitario, Persoas Maiores e Infancia, e engade Xuventude. O concelleiro Roberto Villar, de AER, mantén as mesmas competencias coas áreas de Infraestruturas e Sostibilidade, que inclúen os servizos de vías e obras, alumeado público, abastecemento de auga e saneamento, residuos sólidos urbanos e Rescate e control de especies.



