- Tamén saíu adiante o convenio do proxecto de Concellos polo Reto Demográfico + Renovables e o calendario fiscal para o 2026
- As mocións do PP sobre a revogación do acordo sobre a modificación da taxa do lixo, e a do concelleiro non adscrito sobre as melloras no lugar de A Roza non se aprobaron
O Concello de Bueu, na sesión plenaria celebrada este luns 3 de novembro, aprobou a iniciación do expediente administrativo para a obra de construción do novo Parque Urbano Lugrís que será, en palabras de Xosé Leal, edil de facenda, “unha obra de vital importancia para as persoas mozas e familias e agardamos que se aproveite ao máximo con este proxecto de convivencia interxeracional”. A proposta contou coa unanimidade de todos os grupos da corporación, é dicir, BNG, PSOE, PP e edil non adscrito.
Pero non foi este o único tema que se debateu, senón que a sesión arrancou coa aprobación do convenio do proxecto de Concellos polo Reto Demográfico + Renovables, unha proposta que consiste na instalación duns paneis fotovoltaicos no Pavillón Municipal Pablo Herbello, cuxa enerxía xerada se vai dedicar ás persoas vulnerables da contorna do casco urbano bueués e tamén ao funcionamento das instalacións municipais. Elena Estévez, dende o PP, manifestou a abstención do seu grupo dado que “non se entende que se se sabía da concesión da subvención en agosto, non se incluíse no cadro de investimentos do orzamento aprobado a semana pasada”. A proposta saíu adiante cos votos a favor de BNG, PSOE e edil non adscrito, e a abstención do PP.
O calendario fiscal para o ano 2026 aprobouse por unanimidade, e nel regúlanse os prazos de pagamento das taxas e tributos municipais. Así, o IVTM terá un período de pagamento voluntario do 13.03.2026 ao 20.05.2026, a IBI urbana e rústica, do 19.06.2026 ao 26.08.2026, e o IAE, dende o 11.09.2026 ao 18.11.2026. En canto ás taxas, a proposta recolle tamén as trimestrais do mercado semanal, e as ocupacións dos vados.
A continuación foi a quenda da moción sobre as melloras no barrio de A Roza, presentada por Daniel Chapela, edil non adscrito. O concelleiro fixo referencia ao “desleixo na aldea” con necesidades en relación ao alumeado, a mellora no acceso á igrexa, o arranxo do camiño da Sobreira, a restauración do cruceiro de A Roza, e cuestión básicas relacionadas co mantemento. Elena Estévez anunciou a abstención do PP pois “se nalgunha zona houbo unión entre a corporación foi no barrio de A Roza, así que a moción falta un pouco á verdade; outra cousa é que se retrasen e levemos moitos anos cos temas pendentes”. Celso Dopazo, concelleiro de mantemento de vías, salientou que “nós traballamos por todas estas obras sempre, e o que non ten sentido é que un día votes en contra da aprobación dos orzamentos e ao seguinte se reclame estas actuacións”. Na mesma liña foi a intervención de Xosé Leal, concelleiro de facenda, quen puxo de manifesto que “dende o goberno local actuamos cunha planificación ao longo do ano e non a golpe de moción”. Polo tanto, a moción só contou cos votos a favor do edil non adscrito e en contra do resto da corporación.
Por último debateuse a moción do PP para solicitar a revogación do acordo da asemblea xeral da Mancomunidade do Morrazo para a modificación da ordenanza fiscal do servizo de recollida de lixo. Elena Estévez demandou que “se debería dar un paso atrás e revocar o acordo da asemblea na que vimos un gran clamor social”. A voceira apelaba ao diálogo con todos os grupos políticos e cos colectivos sociais, unha tarefa que xa se está levando a cabo dende hai semanas por parte dos responsables da Mancomunidade. Leal aludiu á “asemblea da vergoña” e condenou os feitos violentos sucedidos o 13 de outubro, ao tempo que incidiu en que “por parte deste goberno e de todos os da Mancomunidade sempre haberá diálogo”. Pola súa banda, Daniel Chapela insistiu en que “a suba debería ser máis razoable e proporcionada ao longo dos anos”. Despois dun debate candente, a moción non prosperou ao contar cos votos favorables de PP e edil non adscrito, mentres que o BNG e PSOE se manifestaron en contra.



