O Pleno dá luz verde a destinar 138.230 euros para a demolición do antigo Mercado de Cantodarea

adminON
Lectura mínima de 3

O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, explicou que despois de todas as problemáticas que houbo na zona, destinarase este crédito extraordinario do Remanente para facer algo “que cremos que é urxente e que mellorará moito esta zona”

O Pleno da Corporación celebrado onte deu luz verde ao crédito extraordinario de 138.230 euros, procedentes do Remanente do Concello, para poder sacar adiante a demolición do antigo Mercado de Cantodarea.
Tal e como expuxo o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, “para nós esta demolición é unha absoluta prioridade, despois de que se complicase moito a súa execución e a sabendas da situación actual do inmoble, que presenta un importante deterioro e que dá problemas de limpeza e salubridade”.
Santos Costa explicou que para executar demolicións “é moi complexo atopar financiación externa, a través de liñas de subvencións, posto que non acostuma a ser un tipo de acción subvencionable”, e por iso o Goberno local optará por aproveitar o Remanente de Tesourería municipal, que son os “aforros” do Concello, para poder sacar adiante un proxecto “prioritario e necesario” para a cidadanía.
Este Remanente, tal e como detallou o edil, pechou no ano fiscal de 2023 en 1,5 millóns de euros, “o que nos permite contar con pulmón para levar a cabo operacións coma esta ou outras que xa trouxemos a este Pleno, que nos permitiron pagar facturas a proveedores e sacar adiante gasto corrente que se incrementou moito nos últimos anos”.

No caso do Mercado de Cantodarea, ademáis da dificultade de atopar financiación, tamén se cruzou o inconvinte da existencia dunha liña de media tensión, que era preciso quitar. Para iso, Fenosa encargou un proxecto no que investiu cerca de 200.000 euros para poder cambiar todos os cables asociados, chegando ata a altura do recinto portuario, mais tardou dous anos en rematar a súa execución.
“Agora xa estamos en condicións de poder sacar adiante a demolición”, explicou o concelleiro. Despois desta aprobación no Pleno desta crédito extraordinario por unanimidade, agora será publicado no BOPO, exposto a información pública e aprobado definitivamente, para logo poder licitar as obras.

Comparte este artigo