- A corporación municipal de Bueu celebrou a última sesión plenaria ordinaria deste ano
A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 1 de decembro, o último pleno ordinario do ano 2025, que destacou pola súa rapidez e tranquilidade no debate. Na sesión debatéronse dúas mocións que non saíron adiante: unha do PP sobre o arranxo dos aparcadoiros disuasorios, e a outra do edil non adscrito sobre o barrio de Petís.
Daniel Chapela defendeu a moción sobre o barrio de Petís, na que se solicitaban varias melloras na zona, como instar á Axencia Galega de Infraestruturas a colocar un semáforo con pulsador no paso de peóns situado na PO-551, punto quilométrico 10+780; instar á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que conta coas competencias en Mobilidade, a instalar unha marquesiña; e instar o Concello de Bueu a realizar un estudo do estado dos muros próximos á Praia de Petís. Xosé Leal, concelleiro de facenda e voceiro nacionalista, tomou a palabra para anunciar o voto en contra do grupo dado que “a AXI xa levou a cabo un proxecto de mellora da seguranza na zona, coa colocación de pivotes e iluminación de pasos de peóns”. Ademais, o edil aclarou que a zona de colocación da marquesiña non é axeitada por motivos de visibilidade e accesibilidade, e o muro é titularidade de Costas do Estado “asunto que tratou o alcalde en varias reunións cos técnicos do servizo provincial”. A moción contou cos votos a favor do edil non adscrito e do PP, mentres que o BNG e PSOE se mostraron en contra, polo que non saíu adiante.
Tampouco se aprobou a moción presentada polo PP sobre a mellora dos aparcadoiros disuasorios nas zonas urbanas e periurbanas. Elena Estévez, voceira dos populares, apuntou que “este verán o goberno ampliou as zonas de aparcadoiro pero resulta lamentable que a día de hoxe é difícil acceder a algúns deles”. Daniel Chapela foi o primeiro en responder para anunciar o voto en contra porque “a exposición de motivos do texto está afastada da realidade, pois non se pode dicir que o comercio estea a vivir unha gran campaña de Nadal”. Pola súa banda, Celso Dopazo, concelleiro de mantemento de vías, aclarou que “é un traballo que facemos todo o ano e, de feito, hai un par de semanas xa arranxamos o aparcadoiro próximo ao Virxe Milagrosa e continuaremos co do Rosa dos Ventos”. A moción desbotouse, pois soamente contou cos votos favorables do PP, e en contra do resto da corporación.



