HomeVigoMosO Pleno de Mos aproba a rescisión do contrato por mutuo acordo...

O Pleno de Mos aproba a rescisión do contrato por mutuo acordo coa empresa do Servizo de Axuda no Fogar

- Anuncio -spot_img

O Pleno do Concello de Mos aprobou hoxe a rescisión do contrato por mutuo acordo coa empresa Serveo, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), co obxectivo de axilizar a contratación dunha nova empresa que garanta un servizo estable, de calidade e humano ás persoas usuarias.

O contrato fora aprobado en pleno no mes de novembro do pasado ano e adxudicado en abril por 1,59 millóns de euros anuais. Non obstante, desde a súa posta en marcha comezaron a chegar queixas. De 87 persoas usuarias, 35 presentaron reclamación formal e 10 delas quedaron rexistradas oficialmente. Ademais, houbo chamadas continuas ao Concello de Mos e á concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, denunciando deficiencias.

Entre os incumprimentos detectados destacan:

Só dúas coordinadoras en lugar das tres comprometidas.

Incumprimentos reiterados de horarios de atención.

Problemas coa tramitación de altas e baixas.

Deficiencias na organización do servizo.

Fallos na calidade da atención prestada.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliñou que “esta non é unha decisión administrativa, senón unha cuestión de responsabilidade coas persoas máis vulnerables do noso Concello e de xustiza social”.

O Concello de Mos garante que en ningún momento se deixará desatendidas ás persoas usuarias do SAF e traballa xa na tramitación urxente dun novo contrato que incorpore melloras esenciais, como o incremento dos recursos humanos, o acompañamento a citas médicas de persoas sen apoio familiar e a limitación da rotación das auxiliares.

Arévalo fixo tamén un chamamento á responsabilidade institucional: “Este non é un asunto partidista, senón un compromiso con veciños e veciñas que precisan un servizo digno, eficaz e humano. Ese é o noso deber, ese é o noso compromiso”.

Publicacións Relacionadas