Xoán Reices: “Se o PP cambia de actitude, xa que votou en contra da moción na comisión de rural, aínda é posíbel que o concello da Estrada envíe un recado á Xunta rexeitando este megaproxecto”
Varios meses despois de que o BNG da Estrada presentara a moción contra ALTRI, en marzo, o pleno do concello deste xoves posicionarase sobre a macrocelusosa que a empresa portuguesa quere construír en Palas de Rei.
Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xoán Reices, “a lentitude do PP para levar a plenos esta moción, deixa sen efecto algúns dos puntos do acordo que presentamos, como por exemplo que se refire á presentación de alegacións por parte do concello, xa que xa pasou o tempo legalmente estipulado”. “Isto xa demostra o escaso interese que ten o PP en posicionarse sobre a macrocelulosa,” afirma Reices, “que, a pesar de que se instalará a moitos quilómetros do noso concello, si terá unha repercusión importante, xa que a pasteira abastecerase do río Ulla, que tamén utilizará de espazo para liberar auga, que segundo din irá debidamente saneada, mais, segundo a documentación da propia empresa, incrementará en dous graos a temperatura da auga do río, o que sen dúbida terá consecuencias sobre a fauna e a flora do Ulla”.
“Porén”, engade Reices, “se o PP cambia de actitude, xa que votou en contra da moción na comisión de rural, aínda é posíbel que o concello da Estrada envíe un recado á Xunta rexeitando este megaproxecto, que prevé o consumo de grandes cantidades de auga procedentes do río Ulla e o vertido dun voluminoso caudal de augas sometidas a depuración industrial máis contaminantes, que incidirán negativamente na calidade das augas, na biodiversidade e na produtividade tanto do río Ulla como da ría de Arousa.”
O concelleiro do BNG pide ao PP, e máis concretamente ao alcalde, “que pense no Ulla, que pense nos veciños e veciñas da Estrada, que poña os intereses do noso concello por enriba dos intereses do PP, que xa demostrou o seu empeño con este proxecto a través das declaracións do presidente da Xunta”.

