HomePontevedraO pleno municipal de Soutomaior defende a xestión dos funcionarios municipais nas...

O pleno municipal de Soutomaior defende a xestión dos funcionarios municipais nas multas da Policía Local

- Anuncio -spot_img

O goberno local achegou a documentación que acredita que os auxiliares poden emitir denuncias achegando unha proba de veracidade da infracción

Acabouse a polémica sobre a xestión das multas da Policía Local de Soutomaior. Durante o pleno municipal extraordinario celebrado esta mañá de forma telemática, o goberno local e a intervención municipal certificaron a correcta tramitación das multas cursadas pola policía local nos últimos meses.
O principal motivo de discordia era a capacidade dos auxiliares da policía local para emitir denuncias. Unha cuestión que foi rapidamente aclarada cando o concelleiro de Seguridade, Fernando Crespo, achegou diversas sentenzas xudiciais que referendan o procedemento seguido polo Concello estipulando que cando un auxiliar de policía realiza tarefas de apoio, a única diferenza cun axente durante unha denuncia é que o auxiliar non goza do principio de credibilidade propio das forzas de orde pública. “Polo que ten que achegar unha proba de veracidade da infracción denunciada. Por exemplo, unha foto se hai un coche mal aparcado”, explicou Crespo.
Neste sentido, o edil atribuíu as declaracións do portavoz da oposición, Diego Moreira, a “un profundo descoñecemento da norma. Se calquera persoa pode realizar unha denuncia achegando a proba dunha infracción, só faltaría que un policía local, aínda que sexa auxiliar, non puidese facelo. Sería absurdo”, explicou Crespo, que acusou á oposición de “xogar coa linguaxe para confundir á veciñanza, denunciar non é sancionar”.
Do mesmo xeito, o edil aclarou a discrepancia sobre o número dos axentes que tramitaban as denuncias indicando que “o problema é que o programa informático para o envorcado de datos non estaba adaptado para os números dos auxiliares e non cabía a identificación completa, polo que tamén se identificaba ao auxiliar denunciante no boletín e en toda a información que se enviaba”. Unha acción que explicou que se realizou “ coordinadamente co ORAL e con total transparencia”, finalizou Crespo, que engadiu que este problema “xa está solucionado hai tempo coa incorporación das novas PDAs entregadas á policía local”.
Por último, a pedimento do Bloque Nacionalista, a secretaria e interventora municipal participou no pleno para dar fe e garantir a veracidade do proceso de tramitación das denuncias da policía por parte dos funcionarios do Concello. Un proceso que só consiste en remitir ao ORAL toda a información completa sobre a denuncia xa que este é o organismo encargado da xestión, liquidación, inspección e recadación das multas.

Publicacións Relacionadas