- Pon o foco no recoñecemento ás mulleres maiores das parroquias, na reflexión sobre os desafíos actuais en materia de igualdade e na visibilización do papel das mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados
O Concello do Porriño presentou hoxe, na Sala de Comunicacións da Casa Consistorial, a programación organizada con motivo do Día Internacional da Muller, 8 de Marzo, nun acto no que participaron o alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Igualdade, Carolina González.
A programación deste ano pon o foco no recoñecemento ás mulleres maiores das parroquias, na reflexión sobre os desafíos actuais en materia de igualdade e na visibilización do papel das mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados. A actividade central será a homenaxe titulada “Cando elas falan, a historia permanece”, que terá lugar o domingo 8 de marzo e que pretende situar no centro a aquelas mulleres que, sen ocupar titulares, foron e son piares fundamentais das súas familias e comunidades. Tal e como se recolle na programación municipal, este acto busca recoñecer o seu traballo moitas veces invisible, a súa resiliencia e o seu dereito a unha vellez digna, activa e libre de violencias.
Durante a presentación, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou que “este 8M queremos render tributo ás nosas mulleres maiores, auténticas protagonistas da historia viva do Porriño. Elas abriron camiños cando non existían e construíron comunidade desde o esforzo e o compromiso silencioso”. O rexedor subliñou ademais que “a igualdade non pode ser só unha declaración institucional nunha data concreta, senón unha liña de traballo permanente que se traduza en políticas reais e en oportunidades efectivas para todas as mulleres”.
A programación complétase coas xornadas “Igualdade, Muller e Dereitos: realidades e desafíos”, impulsadas polo Concello do Porriño como un espazo de reflexión, sensibilización e formación dirixido á cidadanía e ao tecido social do municipio
Estas sesións abordarán cuestións como a situación das mulleres maiores no rural, a violencia dixital que afecta ás mozas —incluíndo fenómenos como os deepfakes— e a desigualdade persistente no ámbito laboral.
A concelleira de Igualdade, Carolina González, explicou que “estas xornadas nacen coa vontade de abrir un diálogo interxeracional e de abordar as desigualdades desde unha perspectiva feminista e interseccional, atendendo ás diferentes realidades que viven as mulleres do noso concello”. González engadiu que “é fundamental visibilizar problemáticas como a violencia dixital ou a fenda laboral, pero tamén recoñecer o papel das mulleres maiores, porque o feminismo atravesa todas as idades e todos os espazos da vida”.
No marco desta programación tamén se realizará a estrea oficial do vídeo “Terra de Canteiras”, unha peza audiovisual que narra o percorrido dunha pedra desde a súa extracción ata a súa incorporación á obra, mostrando distintos perfís profesionais —na súa maioría mulleres— que traballan nas fases de extracción, transformación, deseño e construción
Ademais, presentouse o proxecto CONSTIC, desenvolvido polo IES Ribeira do Louro e financiado con fondos Next Generation EU, orientado á mellora das competencias en construción e TIC e ao fomento do acceso das mulleres a estas especialidades
Desde o Goberno municipal reiterouse o compromiso do Concello do Porriño coa promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes e coa prevención e erradicación de todas as formas de violencia machista, reafirmando que o 8M é unha data de reivindicación, memoria e compromiso colectivo.



