- A iniciativa desenvolverase os días 6 e 7 de marzo na zona peonil, con horario continuo de 10:00 a 21:00 horas
- A programación inclúe inchables e obradoiros infantís para favorecer a participación das familias
O Concello do Porriño colabora na celebración da XXXIII Feira de Oportunidades “Merca na Rúa”, organizada polo Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), que terá lugar os días 6 e 7 de marzo na zona peonil do municipio. A iniciativa converterá as rúas do centro nun gran escaparate ao aire libre co obxectivo de dinamizar a actividade económica e apoiar o comercio de proximidade.
Durante dúas xornadas, os establecementos participantes sairán á rúa para ofrecer descontos especiais, produtos de tempada e oportunidades únicas, nun formato que permite achegar a oferta comercial á cidadanía nun ambiente aberto e participativo.
A feira desenvolverase en horario continuo de 10:00 a 21:00 horas tanto o venres como o sábado, facilitando así a asistencia de veciños e visitantes ao longo de toda a fin de semana.
Ademais da actividade comercial, o programa inclúe propostas de lecer pensadas para o público familiar. Haberá inchables para os máis pequenos o venres de 16:00 a 20:00 horas e o sábado de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, así como obradoiros infantís o venres e o sábado en horario de 17:00 a 19:00 horas.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “iniciativas como Merca na Rúa permiten fortalecer o comercio local, xerar movemento económico e converter o centro urbano nun espazo dinámico e atractivo. O comercio de proximidade é fundamental para a vida social e económica do municipio, e desde o Concello seguiremos apoiando todas aquelas accións que contribúan á súa promoción e consolidación”.
A actividade está cofinanciada pola Xunta de Galicia a través da liña de apoio ao comercio galego, e conta coa colaboración do Concello do Porriño, no marco da súa estratexia de impulso ao desenvolvemento económico local.
Con esta nova edición, “Merca na Rúa” revalida a súa importancia coma unha das citas comerciais máis destacadas do calendario municipal, fomentando o consumo responsable e reforzando o compromiso coa economía de proximidade.



