HomeVigoO PorriñoO Porriño encara a recta final para contar por fin cun auditorio...

O Porriño encara a recta final para contar por fin cun auditorio moderno e versátil

- Anuncio -spot_img
  • A obra do futuro auditorio municipal avanza a bo ritmo e permitirá dotar ao Porriño dun espazo escénico de referencia, adaptado ás necesidades actuais da programación cultural e do tecido asociativo local.

A obra do futuro auditorio municipal do Porriño foi hoxe escenario da súa primeira visita institucional, na que participaron o alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto con representantes do tecido asociativo local vinculado ao ámbito cultural e diversas academias de música e baile.

O novo auditorio permitirá dotar ao municipio dun espazo moderno, versátil e adaptado ás necesidades actuais. O proxecto contempla unha capacidade aproximada de 340 butacas, así como escenario, camerinos e instalacións técnicas axeitadas para acoller múltiples actividades culturais ao longo do ano .

A actuación supón un investimento de preto de 2,8 millóns de euros, cun prazo de execución estimado de vinte meses .

Durante a visita, o alcalde puxo en valor a importancia deste proxecto, cualificándoo como un fito histórico para o Porriño, ao tratarse do primeiro auditorio destas características no municipio e unha resposta a unha demanda histórica da veciñanza.

“Hoxe é un día especialmente significativo para este Concello. Visitamos por primeira vez un auditorio que, ata o de agora, nunca existira no noso municipio”.

O rexedor tamén destacou o impacto que terá esta infraestrutura na vida cultural local, ao ofrecer un espazo estable para o desenvolvemento de actividades e iniciativas impulsadas polo tecido asociativo.

“Nun prazo breve, en menos dun ano, este auditorio estará a disposición de todos os veciños e veciñas, así como das asociacións e colectivos que atoparán aquí un espazo de encontro, cultura e convivencia”.

Lorenzo quixo ademais recoñecer o traballo técnico e profesional que está a facer posible a execución da obra, subliñando a coordinación entre os equipos implicados para garantir o seu correcto desenvolvemento.

O proxecto, segundo explicou, foi resultado dun proceso de análise no que se valoraron diferentes alternativas, tendo en conta condicionantes técnicos, urbanísticos e económicos, ata acadar unha solución que permitirá contar cunha infraestrutura moderna e plenamente integrada no entorno urbano.

O novo auditorio está chamado a converterse nun punto de encontro para asociacións, colectivos e cidadanía en xeral, favorecendo a dinamización cultural do municipio. Neste sentido, desde o Concello destacouse a importancia da implicación do tecido asociativo, que participou nesta primeira visita para coñecer de preto o avance das obras.

Ademais, sinalouse que a evolución dos traballos será especialmente visible nos próximos meses, cun avance significativo que permitirá comezar a visualizar a configuración definitiva do espazo.

Con esta actuación, o Concello do Porriño reafirma a súa aposta pola cultura como eixo fundamental de desenvolvemento, impulsando unha infraestrutura que contribuirá a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a fortalecer a identidade cultural do municipio

Publicacións Relacionadas