O ciclo comeza cunha xornada sobre mulleres maiores e desigualdade a cargo de Sonia Sonia Esperanza Rodríguez Boente e Rosana Izquierdo
Unha conferencia sobre mulleres maiores e desigualdade dá o pistoletazo de saída das xornadas “Igualdade, muller e dereitos: realidades e desafíos”, organizadas polo Concello do Porriño co obxectivo de xerar reflexión, diálogo e sensibilización arredor das distintas realidades que afectan ás mulleres na sociedade actual. Todas as sesións desenvólvense no Salón de Plenos do Concello, consolidándose como un punto de encontro para o diálogo e a reflexión colectiva arredor da igualdade.
O primeiro dos encontros celébrase este 26 de marzo no Salón de Plenos en horario de 17.00 a 19.30 horas, centrado na situación das mulleres maiores no ámbito rural baixo o título “Mulleres maiores e desigualdade: unha realidade invisibilizada no rural”. A sesión conta coa participación das poñentes Sonia Esperanza Rodríguez Boente e Rosana Izquierdo, afondando nas desigualdades estruturais que sofre este colectivo e na necesidade de avanzar cara a políticas públicas máis inclusivas e equitativas.
O programa continuará o vindeiro 23 de abril cunha segunda xornada e en horario de 17.00 a 19.30 horas, dedicada ás mulleres novas, a violencia dixital e o fenómeno dos deepfakes. Baixo o título “Mulleres novas, violencia dixital e deepfakes”, a sesión contará coa intervención da poñente Belén Rubido de la Torre, abordando unha temática de crecente relevancia no contexto tecnolóxico actual e os riscos asociados ás novas formas de violencia de xénero en contornas dixitais.
A terceira e última sesión terá lugar o 27 de maio, tamén de 17.00 a 19.30 horas baixo o título “Desigualdade de xénero no ámbito laboral”, e contará coa intervención do poñente Alejandro Pazos Pérez. Nesta xornada abordaranse as fendas persistentes no mercado laboral e as medidas necesarias para avanzar cara a unha igualdade real entre mulleres e homes no ámbito profesional.
“Estas xornadas forman parte da aposta do Concello do Porriño por promover espazos de análise e debate sobre igualdade, reunindo a profesionais, persoas expertas e cidadanía interesada en profundar nos desafíos actuais en materia de dereitos das mulleres”, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, louvando a labor do equipo de Igualdade liderado pola concelleira Carolina González.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición no rexistro do Concello ou a través do correo electrónico igualdade@oporrino.org
Desde o Concello do Porriño anímase á cidadanía a participar nestas xornadas, que buscan contribuír á construción dunha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa cos dereitos de todas as persoas.



