- O documento de liquidación orzamentaria ratifica a solvencia do Concello, que reduce o pago a provedores de 501 días en 2021 a un mínimo histórico de 38 días e elimina por completo as facturas sen aplicación orzamentaria
O Concello do Porriño presentou hoxe os datos oficiais da liquidación do orzamento do exercicio 2025, unhas cifras que o alcalde, Alejandro Lorenzo, definiu como “as contas máis saneadas e co maior superávit da súa historia”, destacando que con elas “cumprimos co compromiso que asumimos ao comezo deste mandato cos porriñeses e as porriñesas. Así, segundo o informe de Intervención que o rexedor fixo público, a administración local pechou o ano cun resultado orzamentario axustado positivo de 7.464.037,45 €, o que supón o maior superávit rexistrado na historia do municipio.
Xunto a este fito, o remanente de tesourería para gastos xerais situouse en 11.200.917,91 €, unha cifra que foi medrando de forma constante desde os 4,5 millóns que se rexistraban en 2021, ascendendo coa xestión do actual goberno municipal, a 9,5 no 2022; 10,8 no 2023; 10,6 no 2024 e esa cifra histórica de 11,2 no 2025. Este músculo financeiro compleméntase cunha xestión de pagamentos de máxima eficiencia: o período medio de pago a provedores caeu ata os 38 días, moi lonxe dos máis de 500 días de demora de hai catro anos.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, valorou estes resultados como o cumprimento dunha promesa fundamental coa cidadanía, lembrando a débeda que se atopou o chegar ao concello: “facturas acumuladas durante anos e mesmo gastos que non se correspondían cos prezos de mercado nin tiñan a validez que deberían ter”. Así, o concello do Porriño, lembrou, conseguira un fito histórico xa no ano 2025: deixar a cero todas esas facturas pendentes de exercicios anteriores. “Foi un paso fundamental para ordenar a situación económica do Concello. Pero hoxe podemos dicir algo máis importante aínda. Logo de anos de traballo, de xestión responsable, eficiente e rigorosa, o Porriño pecha o exercicio cun superávit de 7,46 millóns de euros e cun remanente de 11,2 millóns de euros”, recalcando que “é o maior superávit da historia do noso concello.”
Amortización de débeda
A excelente situación de liquidez permitirá ao Goberno local facer fronte a obrigas herdadas sen comprometer a estabilidade futura. O alcalde destacou que este superávit permitirá amortizar o crédito das facturas pendentes do anterior goberno, que ascende a 2,7 millóns de euros, ademais de devolver outros 2,7 millóns cuxa veracidade non puido ser acreditada. “todo gracias a esta boa xestión”.
O municipio cos impostos máis baixos
“Hoxe O Porriño é un exemplo de que se pode xestionar con rigor mantendo unha presión fiscal contida”, apuntou Lourenzo, quen destacou que o municipio conta cos impostos máis baixos de toda Galicia e que esa seguirá sendo a referencia do goberno local. “É algo do que tamén podemos presumir: O Porriño é o concello cos impostos máis baixos de Galicia. Esa segue sendo a nosa aposta: manter unhas contas saneadas, con superávit, e unha presión fiscal moderada para as familias e as empresas, porque estamos convencidos de que esa é a mellor maneira de seguir facendo avanzar O Porriño”.
A liquidación tamén reflicte que a débeda viva a longo prazo reduciuse ata os 2,7 millóns de euros, mentres que a débeda a curto prazo mantense en cero, consolidando ao Porriño como un referente de estabilidade financeira na provincia.
CIFRAS CLAVE DO DOCUMENTO
Remanente de Tesourería
O Remanente de Tesourería para Gastos Xerais axustado sitúase en 11.200.917,91 euros no exercicio 2025, fronte aos 4.498.268,75 euros de 2021, tras unha evolución condicionada polo proceso de regularización das obrigas pendentes e pola aplicación do mecanismo de financiamento anteriormente mencionado. O resultado obtido en 2025 constitúe o valor máis elevado da serie da historia, reflectindo a consolidación da situación financeira tras o proceso de regularización contable desenvolvido nos exercicios anteriores.
Evolución:
2022: 9,5 millóns €
2023: 10,8 millóns €
2024: 10,6 millóns €
2025: 11,2 millóns €
Débeda a longo prazo
En relación coa débeda a longo prazo, obsérvase un incremento nos exercicios 2022 e 2023, pasando de inexistente en 2021 a 769.365,71 euros en 2022 e 2.978.803,75 euros en 2023. Este incremento deriva da concertación dos préstamos ICO correspondentes ao mecanismo estatal de pago a provedores, de aplicación obrigatoria para o Concello do Porriño debido ao volume de obrigas pendentes de aplicar ao orzamento existente nese momento, asociadas principalmente a gastos correspondentes a exercicios anteriores ao 2021, pendentes de imputación orzamentaria.
Período de pago a provedores
Respecto ao período medio de pago a provedores, obsérvase unha evolución moi favorable ao longo do período analizado. Desde valores moi elevados nos exercicios 2021 e 2022 (501,13 e 456,89 días respectivamente), prodúcese unha redución moi significativa a partir de 2023 (42,81 días), manténdose en niveis claramente inferiores nos exercicios seguintes (63,72 días en 2024 e 37,95 días en 2025, o valor máis baixo da serie analizada), situándose xa en niveis próximos aos prazos establecidos pola normativa de morosidade.
Sen obrigas pendentes
Polo que se refire ás obrigas pendentes de aplicar ao orzamento (conta 413), prodúcese unha redución progresiva ao longo do período analizado, pasando de 5.496.979,19 euros en 2021 a 0,00 euros no exercicio 2025, no que queda definitivamente cancelado o saldo desta conta. Esta evolución está vinculada, en gran medida, á aplicación do mecanismo de pago a provedores e ás actuacións de regularización e depuración contable realizadas nos exercicios posteriores.
Un Concello cos impostos máis baixos de Galicia, apostando pola xente e polas empresas, sen aumentar a presión fiscal.
Ese é o noso modelo: un Concello que xestiona con responsabilidade para poder investir máis onde realmente importa, por iso aprobar un novo orzamento que incremente o gasto social, que nos permita eliminar definitivamente préstamos de pagamentos de exercicios anteriores e que reforzará tamén as subvencións para melloras nas parroquias e no casco urbano.
Pero, sobre todo, será un orzamento pensado para o futuro: con plans e investimentos que impulsen a xeración de emprego e o desenvolvemento económico do Porriño.
Porque a nosa prioridade é clara: contas saneadas, máis investimento na xente e máis oportunidades para vivir, traballar e emprender no Porriño.



