O barrio celebra, dende mañá, tres xornadas cunha exposición de fotos, actividades para a cativada, concerto de Emilio Rúa, unha gran sardiñada e a queima da fachada
O Porriño celebra dende mañá venres e ata o domingo as festas de San Sebastián. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura e Festexos, Bienvenido Estévez, presentaron a programación acompañados por representantes da Comisión de festas de San Sebastián convidando a toda a veciñanza a desfrutar destas auténticas festas de barrio. O rexedor destacou que “as festas de San Sebastián son unha mostra da nosa identidade como pobo e do orgullo que sentimos polo noso patrimonio e tradicións. É unha honra para o Concello colaborar coa comisión de festas para manter viva esta celebración que une á veciñanza nun ambiente de alegría e convivencia”. Pola súa banda, o concelleiro de Cultura e Festexos puxo en valor o traballo da comisión organizadora e sinalou que “este tipo de festas non serían posibles sen o esforzo desinteresado de moitas persoas que traballan para que o barrio poida celebrar con orgullo ao seu patrón”.
Este céntrico barrio porriñés honra ao seu patrón con tres xornadas de actividades organizadas pola Comisión de Festas de San Sebastián, en colaboración co Concello do Porriño. A programación arranca mañá venres cunha nova edición da Exposición Fotográfica do Porriño Antigo, que xa está aberta ao público, dende a pasada semana, na Capela de San Sebastián e pode visitarse ata o día 31 deste mes.
O sábado, ás 17.30 horas, inchables para a cativada e festa da espuma. A partir das 19.00 horas animación e ás 20.00 horas a tradicional Gran Sardiñada que este ano chega xa á súa décimo oitava edición. Pola noite, ás 22.00 horas, música en directo da man de Emilio Rúa, que ofrecerá un concerto en lingua galega facendo un repaso polos seus 25 anos de carreira, nos que editou 160 cancións e publicou unha ducia de discos.
O domingo será o día grande. Ás 12.00 horas oficiarase a misa na Igrexa Parroquial de Santa María, seguida da procesión ata a Capela de San Sebastián acompañada por un grupo de gaitas. Ao rematar, levarase a cabo a tradicional poxa e a continuación degustación de rosca e bebida. A queima da fachada porá o broche de ouro a estas festas ás 23.00 horas.