- O importe total do contrato ascende a 3.350.701,22 euros por un período inicial de catro anos, ampliables mediante prórroga
O Concello do Porriño vén de sacar a licitación o servizo das novas escolas infantís municipais de Pontellas e Budiño, que sumarán un total de 132 prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, ampliando de maneira significativa a oferta educativa no municipio.
As escolas contarán con 10 unidades en total —cinco en Pontellas e cinco en Budiño— distribuídas por tramos de idade, garantindo unha atención adaptada ás distintas etapas do primeiro ciclo de educación infantil.
A construción das novas escolas infantís supuxo un investimento superior aos 1,8 millóns de euros, financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude e pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia con cargo aos fondos Next Generation, ao que se sumou unha achega municipal superior aos 500.000 euros.
Pola súa banda, o contrato para a xestión do servizo ten un importe total de 3.350.701,22 euros para un período inicial de catro anos, con posibilidade de prórroga. Coa publicación da convocatoria, as empresas especializadas no sector poderán presentar as súas ofertas dentro do procedemento de contratación pública. A adxudicación definitiva do servizo será elevada ao Pleno unha vez completado o proceso.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que esta actuación “é unha aposta clara por dotar de máis servizos ás nosas parroquias” e subliñou que “as familias pagarán exactamente o mesmo que nunha escola da rede Galiña Azul: a atención educativa será gratuíta e os servizos complementarios, como o comedor ou o horario ampliado, terán os mesmos prezos públicos en función da renda. Non haberá ningunha diferenza económica; a única variación será a titularidade do centro, que pasará a ser municipal”.
Ademais, o rexedor avanzou que o Concello continuará ampliando de maneira progresiva a carteira de servizos municipais, incorporando novas iniciativas destinadas a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e reforzando o compromiso do goberno local co benestar do conxunto da veciñanza.



