Máis de 450 calacús feitos por escolares decorarán as rúas e comercios; a casa consistorial converterase nun escenario de medo e diversión para nenos e maiores e Pablo Méndez protagonizará un desfile temático de Halloween
O Concello do Porriño ten preparada unha xornada de medo, diversión e espectáculo para festexar o Samaín, o vindeiro venres 31 de outubro. “O Samaín é moito máis que unha festa, é unha oportunidade para poñer en valor a creatividade do noso alumnado, a participación das familias e o dinamismo das nosas rúas. Este ano presentamos tres propostas moi especiais: a xa tradicional exposición das cabazas decoradas polos escolares do municipio, o túnel do terror instalado na Casa Consistorial, como moitos sustos para pequenos e maiores, e o desfile performance de Pablo Méndez, que levará o espectáculo e a fantasía ao corazón da vila. O Samaín é xa unha tradición consolidada e unha mostra da forza cultural e participativa do noso concello”.
A través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e da Concellería de Educación do Concello do Porriño convidouse ao alumnado de Educación Primaria dos colexios do Porriño, Aceesca e á asociación Afaga, a participar na decoración de calacús, tal e como se vén facendo nestes últimos anos co motivo do Samaín. Con temática e material decorativo libres, sen restricións técnicas nin materiais, presentáronse un total de 454 cabazas, en cuxa decoración participaron 857 estudantes
As cabazas estarán expostas dende a tarde do vindeiro xoves día 30 nos escaparates e entradas dos comercios colaboradores, así como na casa consistorial e nos soportais da zona peonil.
O día grande da festa será o venres 31. Pola tarde iniciarase o túnel do terror cun percorrido contará con dous pases diferenciados: un primeiro para público infantil, de 17.00 a 19.45 horas, con ambientación máis lixeira e adaptada aos máis pequenos da casa, e outro para público adulto, de 20.15 a 22.00 horas, cun nivel de intensidade maior e sorpresas reservadas para os máis valentes.
O túnel do terror, unha das actividades máis agardadas do Samaín porriñés, instalarase no interior da casa consistorial, que se transformará para a ocasión. O edificio municipal converterase nun auténtico escenario de medo e diversión, con decoracións temáticas, iluminación especial, sons arrepiantes e múltiples sustos preparados polo equipo organizador.
E ás 20.00 horas, desfile espectáculo de Pablo Méndez temático de Halloween polas rúas da vila. Mostrarase unha performance visual, teatral e chea de personaxes caracterizadas, música e acenos típicos do Samaín. A actividade busca ofrecer unha experiencia inmersiva e divertida, combinando imaxinación, teatro e ambientación escénica para que todos e todas poidan vivir o Samaín dun xeito diferente e participativo.



