HomePontevedraPontevedraO PP de Pontevedra advirte de que a aprobación do orzamento municipal...

O PP de Pontevedra advirte de que a aprobación do orzamento municipal perpetuará a precariedade en servizos esenciais como a policía local, os bombeiros ou os servizos sociais

- Anuncio -spot_img

• Pardo denuncia que o goberno local actúa por imposición e sen negociar cos representados dos empregados públicos: “Vende como logros aqueles dereitos laborais que chegan tarde e por obrigación legal”

• Os populares esixen a Lores que deixe de ningunear aos traballadores municipais e afronte a deterioración dos servizos públicos

O Partido Popular de Pontevedra, a través das concelleiras Pepa Pardo e Silvia Junco, volveu a recibir na súa sede aos representantes dos traballadores municipais nas horas previas ao pleno do luns, no que se aprobará definitivamente o orzamento municipal do BNG, co apoio do PSOE, e o cadro de persoal do Concello.

Pardo considera necesario que o alcalde de Pontevedra, #Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Persoal, Eva Villaverde, deixen de ningunear aos traballadores municipais e afronten, dunha vez por todas, os problemas estruturais que afectan ao persoal e, en consecuencia, aos servizos públicos de Pontevedra. “Queremos poñer de manifesto que non hai negociación de ningún tipo con eles e que, por tanto, este goberno local segue sendo un goberno de imposición e non de negociación, que vende como logros aquilo que debería facerlles agachar a cabeza”, afirmou.

Neste sentido, a edil do PP criticou que os nacionalistas e socialistas venderon publicamente, tras o pacto de orzamentos asinado o 17 de xaneiro de 2025, a incorporación dun plus de produtividade que “non foi pactado ou convido cos representantes dos traballadores”. Así mesmo, considera unha “anormalidade democrática” que os orzamentos recollan a carreira profesional, por primeira vez, cando é un dereito dos empregados que lles corresponde legalmente.

Doutra banda, lembrou que o Concello de Pontevedra carece dun Plan de Igualdade e que arrastra unha débeda de anos coa Relación de Postos de Traballo (RPT), que foi aprobada no pleno municipal e que o goberno local decidiu non aplicar.

O PP mantén que a aprobación definitiva dos orzamentos vai manter vixente a situación de desgaste que sofre o persoal de servizos esenciais como a policía local, os bombeiros ou os servizos sociais, pero “o alcalde fai oídos xordos cunha concelleira que nin está nin se lle espera, porque non se reúne cos seus traballadores, e que delega nun director de Recursos Humanos que tampouco ten capacidade para decidir”.

“Desde o Partido Popular denunciamos a nula capacidade de xestión en materia de persoal por parte do goberno municipal que provoca que, non só non sexan capaces de dar unha solución aos problemas de base dos traballadores municipais, senón que estes agrávanse e cronifican no tempo”, concluíu.

Publicacións Relacionadas