• O partido de Rafa Domínguez esixe ao Gobierno municipal un reforzo real do plan de control de aves urbanas, con medidas máis eficaces e continuadas no tempo
• Raquel Martínez atribúe ao “deixamento do BNG” o aumento destas especies que prexudican notablemente á hostalería e ás comunidades de veciños
O Partido Popular de Pontevedra denunciou a presenza “masiva” de gaivotas e pombas na cidade, coincidindo coa chegada do bo tempo e o inicio da tempada de terrazas para a hostalería.
O PP de Pontevedra xa levou esta problemática ao Pleno municipal de xaneiro de 2025, onde se aprobou por unanimidade a necesidade de actuar urxentemente fronte á proliferación destas aves urbanas: “Durante 2024, o Goberno local non levou a cabo ningún tipo de control. O deixamento do BNG permitiu que a poboación destas especies aumentase sen freo, afectando os hostaleiros, os seus clientes e tamén ás comunidades de veciños”, afirmou a concelleira Raquel Martínez.
A edil popular asegurou que sen as advertencias e a insistencia do PP non se retomaría o control poboacional de gaivotas e pombas no Concello. A pesar diso, “os resultados están lonxe de ser suficientes porque o número de exemplares de gaivotas e pombas non para de aumentar, e os pontevedreses, especialmente os negocios de hostalería, seguen pagando as consecuencias”, lamentou.
“A situación demostra que a inacción ten un custo difícil de reverter. Un control iniciado tarde e durante un tempo abandonado non pode resolver un problema que o propio Concello de Pontevedra permitiu que se agravase”, engadiu.
Por todo #expoñer, a formación que lidera Rafa Domínguez volve esixir reforzar o control de aves urbanas da cidade ante a falta de resultados, a pesar de que o Goberno municipal anunciase hai uns meses que destinaría máis diñeiro que nunca a través dun contrato plurianual.
“Desde o Partido Popular esiximos a Lores un reforzo urxente do plan de control de aves urbanas con medidas máis eficaces e continuadas no tempo, para que hostaleiros e cidadáns poidan desfrutar das terrazas de Pontevedra sen verse afectados por unha praga que era evitable”, concluíu Martínez.

