• Aroa Otero esixe melloras do mobiliario urbano, a area, os servizos básicos e o aparcamento do antigo campo de fútbol para deixar de proxectar “unha imaxe de deixamento total, impropia dun enclave paisaxístico que ten un gran potencial para atraer visitantes”
• “Non estamos a pedir grandes investimentos, senón actuacións beneficiosas, sensatas e perfectamente asumibles para o Concello de Pontevedra”, engade
O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra visitou a praia fluvial de Ponte Sampaio para comprobar o “evidente estado de deterioración” que presenta este espazo natural, especialmente o mobiliario urbano con “mesas, bancos de pedra e papeleiras que levan máis dunha década sen ser reparados nin substituídos, a pesar das reiteradas peticións veciñais”.
A concelleira popular Aroa Otero sinalou que “esta imaxe non se corresponde co que merece a parroquia nin coas promesas que o BNG lanza en cada campaña electoral, para logo non cumprilas”.
Un dos problemas que máis preocupa ao PP é o estado da area da praia, que continúa sen acondicionar, a pesar das denuncias públicas do partido de Rafa Domínguez e das reclamacións dos afectados. “O único que expón o goberno de Lores é redistribuír a escasa area existente, moi deteriorada tras o inverno, sen contemplar unha reposición necesaria”, manifestou.
A edil tamén lamentou a falta de servizos básicos, como a ausencia de socorristas e de baños portátiles ata o 1 de xuño, cun servizo que finalizará o 31 de agosto. Otero considera que é “un calendario insuficiente e desaxustado da realidade”, ao empezar as vacacións escolares en xuño e recibir a afluencia de visitantes desde Semana Santa ata finais de setembro.
Así mesmo, o PP de Pontevedra denunciou a presenza de “tubaxes visibles en plena praia que proxectan unha imaxe de deixamento total, impropia dun enclave paisaxístico que ten potencial para converterse nun referente turístico e natural de Ponte Sampaio e Pontevedra”.
Neste sentido, a edil popular ha reclamado ao alcalde e ao seu equipo unha actuación urxente para recuperar esta contorna e dotar á parroquia dos servizos mínimos que se necesitan: “Esiximos a Lores que escoite aos veciños, que actúe con responsabilidade e que non deixe pasar outro verán sen atender as necesidades básicas da parroquia pontevedresa”, engadiu.
Finalmente, lembrou a situación do antigo campo de fútbol, convertido na actualidade nun aparcamento improvisado, sen sinalización nin medidas de seguridade. “Desde 2011, o goberno nacionalista de Lores promete unha solución que nunca se materializou. O mínimo sería instalar un valo de seguridade que separe a zona de vehículos da área de baño”, defendeu.
“Non estamos a pedir grandes investimentos, senón actuacións beneficiosas, sensatas e perfectamente asumibles polo Concello. A praia fluvial de Ponte Sampaio merece estar atendida e en condicións adecuadas para veciños e visitantes”, concluíu a concelleira do Partido Popular.