• Os populares advirten da deterioración progresiva das instalacións e reclama a execución do proxecto de reforma solicitado en 2023
• Junco esixe a instalación do ascensor comprometido e a reparación integral das deficiencias estruturais do edificio
O Partido Popular de Pontevedra volveu a denunciar o estado de abandono do Teatro Principal, poñendo o foco na falta de accesibilidade universal e a progresiva deterioración das súas instalacións. A concelleira Silvia Junco lembrou que, hai 15 meses, realizou un percorrido polo interior do edificio con xornalistas locais para alertar sobre o mal estado do patio de butacas, as humidades nas paredes e chans, ou a ausencia do ascensor comprometido polo Goberno municipal
“Desde o PP esiximos a Lores e ao BNG que cumpran coas garantías e servizos prometidos para o Teatro Principal, que seguen sen materializarse. O estado actual das instalacións é inaceptable despois de anos de promesas incumpridas. A que esperan os responsables municipais para retomar a reforma?”, cuestionou a edil popular.
Junco insistiu en que as deficiencias persisten e mesmo empeoraron desde que, en novembro de 2023, solicitou un novo proxecto de mellora. “A maioría dos aseos seguen pechados porque quedaron sen reformar, o gran buraco no teito para o ascensor evidencia o fracaso da última actuación, as humidades visibles en paredes e chans transmiten unha imaxe de abandono absoluto, hai serias dificultades para a mobilidade en cadeira de rodas e o patio de butacas mostra un desgaste notorio, con numerosos asentos rotos”, describiu.
En outubro de 2024, o Goberno municipal comprometeuse a iniciar varias actuacións para mellorar o edificio a finais de ano ou comezos de 2025. Con todo, a mediados de marzo, o PP denuncia que esas obras seguen sen iniciarse e que o estado do Teatro continúa deteriorándose.
Os populares subliñaron a importancia deste espazo cultural para a cidade, que durante esta fin de semana acolle o foro ‘As Mulleres que Opinan Son Perigosas’. Por último, lembraron que as obras quedaron sen terminar en 2022, tras a quebra da empresa adxudicataria, e esixen unha solución inmediata.