HomePontevedraPontevedraO PP de Pontevedra destaca os 349 M€ comprometidos pola Xunta nos...

O PP de Pontevedra destaca os 349 M€ comprometidos pola Xunta nos Orzamentos 2026

- Anuncio -spot_img
  • Domínguez: “Fronte a un Goberno central que segue contando cuns Orzamentos aprobados en 2022 e un Concello de Pontevedra incapaz de aprobalos en tempo e forma, esta é a forma de proceder da Xunta de Alfonso Rueda; xestión responsable, sentidiño e investimentos en marcha”
  • Os populares agradecen os 2,4M€ para solucionar os problemas de inundacións en Fernando Olmedo, os 9M€ para a dragaxe do Lérez, as 2.000 vivendas de Valdecorvos, Tafisa e A Parda, os 1,6M€ para o parque empresarial do Campiño, os 1,5M€ para Santa Clara ou o remate final do Novo Montecelo con 32,M€

O presidente do Partido Popular na cidade de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado polos concelleiros do grupo municipal, destacou os 348,9 millóns de euros comprometidos pola Xunta de Galicia para a capital da provincia de cara ao vindeiro ano 2026.

Domínguez celebrou na rúa Padre Fernando Olmedo, onde mantivo dúas reunións cos veciños e veciñas no primeiro semestre do ano 2025 para buscar unha solución ante os problemas de inundacións en caso de choivas intensas, os 2,4 millóns de euros reservados na Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático “para a creación dunha zona de inundacións controlada en Valdecorvos, despois de anos de promesas baleiras por parte do Concello de Pontevedra”.

Ademais, puxo en valor o compromiso do Goberno galego de acometer a dragaxe do río Lérez á maior celeridade posible, con 9 millóns de euros reservados para unha actuación transcendental para o futuro da ría de Pontevedra e unha anualidade de 500.000 euros para o próximo exercicio.

En materia deportiva, Pontevedra contará co futuro Centro de Alto Rendemento (CAR) de Galicia, dotado cun investimento de 250.000 euros en 2026, ano no que pasará a ser proxecto de interese autonómico. “É de agradecer o esforzo titánico da Xunta para situar á nosa cidade como capital do deporte profesional en Galicia, cun proxecto que sumará en total máis de 30 millóns de euros de investimento nos próximos anos”, adiantou o líder do PP en Pontevedra. 

En Vivenda e Planificación de Infraestruturas alcánzanse os 14,2 millóns de euros para a construción de vivendas de promoción pública, con 300 xa en marcha en Pontevedra e o compromiso de chegar a máis de 2.000 centradas nos barrios de Valdecorvos, Tafisa e A Parda. O portavoz dos populares afirmou que “o goberno de Alfonso Rueda é o único que aporta solucións aos graves problemas que xorden do encarecemento dos prezos de compra e aluguer na cidade, especialmente entre a poboación máis nova”. 

No apartado económico e social destacan os 1,6 millóns de euros para o parque empresarial do Campiño e os 500.000 euros para a rehabilitación do Pazo de Lourizán. Por outra banda, os Orzamentos do 2026 tamén recollen un investimento total de 32,2 millóns de euros para ultimar a obra e continuar coa dotación de equipamentos no Novo Montecelo. 

Domínguez tamén agradeceu a partida de 1,5 millóns de euros da Xunta para colaborar no ambicioso proxecto do convento de Santa Clara, que el mesmo xestiona nas súas funcións como vicepresidente da Deputación de Pontevedra.

O portavoz popular recordou tamén os investimentos do Goberno galego no ámbito educativo que permitiron sacar adiante, nos últimos anos, obras importantes para os centros escolares de Pontevedra como o IES Valle Inclán, IES Luis Seoane, CEIP Froebel, EEI Concepción Crespo Rivas ou o CIFP Carlos Oroza. Ademais, a Xunta continuará prestando axuda directas ás familias con novas medidas como o bono de comedores escolares.

De maneira complementaria, a consellería de Política Social e Igualdade apoia a conciliación coa gratuidade das escolas infantís, ao que se suma o incremento do 41% da partida destinada aos bonos de dependencia na cidade de Pontevedra, con 324 beneficiarios, e un investimento de 7,5 millóns de euros.

Por último, Domínguez indicou que a Xunta ten previsto construír un novo parque canino en Pontevedra por uns 85.000 euros, previa firma dun convenio de colaboración co Concello para a cesión dos terreos.

“Fronte a un Goberno central que prorroga os seus orzamentos ano tras ano e un Concello de Pontevedra que é incapaz de aprobalos en tempo e forma, este é a forma de proceder da Xunta de Galicia de Alfonso Rueda: xestión responsable, sentidiño e contas en marcha para o 2026 co compromiso dunha cifra histórica de 348,9 millóns de euros para investimentos na nosa cidade”, sentenciou.

Publicacións Relacionadas