• Os populares celebran que o goberno local recapacite, despois de impedirlles traballar durante o tríatlon, e permita aos vendedores ambulantes instalar os seus postos en Rafael Areses durante o festival Bigsound
O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra esixiu ao goberno local do Bloque Nacionalista Galego que mellore o operativo de mobilidade e o dispositivo de tráfico para os próximos eventos deportivos e culturais que se celebren na cidade.
O obxectivo dos populares é reducir os prexuízos causados a colectivos concretos como os vendedores ambulantes, a Policía Local ou os residentes de determinadas zonas urbanas que se viron afectados polos cortes de tráfico en accesos, desvíos e peche de aparcamentos durante a disputa do Multisport de tríatlon, entre o 20 e o 29 de xuño.
O PP valorou positivamente a organización do evento deportivo internacional, pero pediu que todas as incomodidades que se xeraron antes e durante a súa celebración, sexan analizadas para ser melloradas para as próximas ocasións.
O partido de Rafa Domínguez celebrou que, despois das queixas dos feirantes, o goberno local haxa recapacitado para a próxima cita festiva da tempada co Bigsound. O mercadillo celebrarase o 12 de xullo con normalidade, na súa localización actual na rúa Rafael Areses, a pesar da coincidencia co festival.