• Junco asegura que non se pode falar de cidade integradora se non se esucha a quen representa ás persoas con discapacidade
• Os populares insisten en aplicar as medidas aprobadas por unanimidade en 2023 e 2024 para mellorar a mobilidade e activar o Consello de Accesibilidade
O Partido Popular de Pontevedra reiterou hoxe a súa preocupación polas dificultades que seguen enfrontando as persoas con discapacidade visual para desprazarse con seguridade pola cidade, e esixe ao goberno local do BNG o cumprimento dos compromisos adquiridos en pleno no ano 2023, onde se aprobou por unanimidade unha moción presentada por este grupo para mellorar os desprazamentos das persoas que forman este colectivo.
“Para nós, a integración das persoas con discapacidade debe ser unha prioridade do goberno local se queremos avanzar cara a unha inclusión real”, sinalou a edil do PP. “Pontevedra segue sendo unha cidade pouco accesible para as persoas cegas ou con baixa visión”.
Entre as medidas urxentes que se reclaman, destaca a implantación de sistemas de aviso acústico nos semáforos, permitindo ás persoas con discapacidade visual cruzar as rúas con seguridade. “Actualmente, só temos constancia dun semáforo sonoro na rúa Uxío Novoneira. A retirada destes dispositivos supuxo un grave retroceso na seguridade e comodidade de moitas persoas”, advirten desde o Partido Popular.
Outra das propostas defendidas é a inclusión de encamiñamentos e sinalización táctil nas futuras obras, con diferentes texturas no pavimento que faciliten a orientación e o desprazamento seguro das persoas cegas. Así mesmo, reclámase unha maior supervisión na instalación do mobiliario urbano, especialmente nas zonas peonís, para evitar que se converta en obstáculos.
Ademais, o PP instou ao BNG para activar de forma inmediata o Consello Sectorial de Accesibilidade, tamén aprobado por unanimidade en pleno en novembro de 2024, para dar voz aos colectivos, asociacións e entidades sociais. “Este consello é necesario e urxente. Non podemos falar dunha Pontevedra para as persoas se non acordamos as nosas decisións con quen representa á cidadanía”.
O Partido Popular lamenta que, a pesar da imaxe de cidade integradora que se quere proxectar desde o BNG, a realidade para moitas persoas con discapacidade visual é moi distinta. “A plataforma única no centro urbano non tivo en conta as súas necesidades, e aínda quedan moitos obstáculos por eliminar”.
En definitiva, o grupo municipal popular esixe unha vez máis o cumprimento efectivo dos acordos plenarios, así como un compromiso real coa accesibilidade e a igualdade, piares fundamentais para construír unha cidade verdadeiramente inclusiva.