• Luis López e Román Rodríguez arroupan á candidatura dos populares.
O candidato á alcaldía de Ribadumia, David Castro, propón a reforma integral a mellora da eficiencia enerxética no CPI Julia Becerar Malvar dentro do seu programa electoral para os vindeiros catro anos, e así llo trasladou ao presidente provincial do PP, Luis López, e ao responsable de Cultura e Educación do Goberno galego, Román Rodríguez, que se trasladaron ata este concello para arroupar á candidatura coa que o PP concorre ás municipais do 28M neste concello.
David Castro destacou que é un proxecto consensuado coa comunidade educativa, que tamén incluiría a mellora da contorna, para garantir a seguridade do alumnado e dar resposta a calquera deficiencia que poida haber no edificio, e para o que comezarán a buscar financiamento a partir do 29 de maio si acada o respaldo da cidadanía.
Xunto á reforma do centro escolar, o programa do PP en materia de cultura e educación tamén inclúe a dinamización da biblioteca municipal, seguir potenciando o Auditorio cunha programación atractiva e para todos os públicos e na que se favoreza a promoción das entidades e grupos municipais, así como xestionar a adhesión á Rede de Auditorios de Galicia para que a veciñanza poida gozar dunha oferta cultural de calidade. Seguir potenciando os servizos municipais de conciliación, a colaboración coas ANPAS ou cofinanciar o transporte para os usuarios do Centro Rural Agrupado inclúense tamén nas propostas dos populares para os próximos catro anos.
David Castro remarca a importancia de contar cun Goberno estable, con capacidade de diálogo e negociación, para poñer en marcha proxectos que permitan facer realidade as iniciativas e propostas nas que se están traballando. Así, sinala que o seu equipo continuará entendendo a política como un exercicio de responsabilidade, transparente, amable con todas as ideoloxías, operativo e resolutivo, para satisfacer as necesidades dos veciños e das veciñas de Ribadumia.
Tamén o presidente provincial Luis López destaca o traballo e a dedicación do alcaldable polo PP e amosa o compromiso do partido para apoiar proxectos de futuro, proxectos que consolidarán o benestar e darán resposta ás diferentes necesidades dos veciños e das veciñas, así como para seguir ofrecendo servizos de calidade.
Pola súa banda, Román Rodríguez amosou a súa confianza para que Ribadumia conte cun goberno estable, eficaz e próximo, no que estarán presentes os sinais de identidade que caracterizaron a xestión de David Castro nestes anos.