- Indican que os nacionalistas pretenden obter réditos políticos da situación sanitaria bloqueando a moción discutida hoxe
- O Concello de Soutomaior celebrou esta mañá un pleno extraordinario sobre o estado da sanidade no municipio. Unha sesión que concluíu sen acordos alcanzados tras a negativa dos portavoces do Bloque Nacionalista a valorar independentemente os puntos da moción presentada ao pleno polo seu grupo e non aceptar o voto favorable do Partido Popular en só dous dos tres puntos de discusión.
O desacordo da sesión centrouse no primeiro punto do día, a petición de rexeitamento municipal a unha proposta da Xunta de Galicia sobre a cobertura de vacantes e o persoal de enfermería. Punto que foi rexeitado polos populares argumentando o portavoz do goberno local, o alcalde Agustín Reguera, que se trataba de “unha mentira coa mala intención de desvirtuar a realidade”.
A falta de acordo neste punto supuxo que a moción presentada para o pleno extraordinario non puidese saír adiante a pesar de estar de acordo nos outros dous puntos do día, nos que se solicitaba a cobertura de todo o persoal médico no municipio e a condena ao estado actual no que habitualmente hai prazas médicas sen cubrir.
Finalmente, para tentar que a moción puidese prosperar, os membros do Partido Popular solicitaron separar os puntos de discusión en distintas mocións, pero a súa petición de modificación non foi atendida polo grupo nacionalista, que preferiu manter a moción na súa forma orixinal. “Isto demostra que o importante para o BNG non é que haxa médicos en Soutomaior, senón facer campaña con iso. Nós sempre apoiamos a sanidade e pedimos máis médicos porque son necesarios, non o facemos dependendo de quen presente a moción”, explicou Reguera.
Por último, o alcalde lembrou ao portavoz nacionalista, Manu Lourenzo, que “mañá ten a oportunidade de demostrar que realmente apoian a sanidade de Soutomaior. Só ten que votar no parlamento a favor dos orzamentos nos que está incluído o próximo centro de saúde”, concluíu Reguera.



