-Os populares critican que o executivo “só se puxera en marcha a raíz dunha moción do PP que tiveron o desleixo de rexeitar” e cren que as medidas impulsadas son un “simple lavado de cara” que espertan queixas dos propios comerciantes
-Advirten de que a dinamización do sector por parte do Concello “esmorece entre a tristura e retraso do alumeado, a falla de solucións serias ao problema do aparcamento e unha programación social e cultural de apenas sete actos de costas á rúa”
-“Demostran unha vez máis a súa incapacidade para liderar cuestións básicas para o noso concello como é o comercio local e imos deixar pasar a oportunidade destas festas por unhas accións sen a forza necesaria e sen convicción real”, manifestou a voceira, Lara Meneses
O grupo municipal do PP de Tomiño vén de lamentar a “reacción tardía” do goberno local para activar accións reais e efectivas de dinamización do comercio local e criticou o “apoio insuficiente e cativo” que este sector estratéxico terá por parte do Concello durante este Nadal.
Os populares, a través da súa voceira municipal, Lara Meneses, cren que non é de recibo que o executivo nacionalista “só se puxera en marcha neste ámbito a raíz dunha moción presentada polo PP no derradeiro pleno, que ademais tiveron o desleixo de rexeitar malia dicir que poderían votala perfectamente a favor”.
“Cremos, e así nolo confirman as queixas que recibimos dos comerciantes, que as medidas impulsadas polo goberno para este Nadal son insuficientes, cativas e un simple lavado de cara porque movéronse tarde, sen a forza necesaria, sen accións de dinamización real e sen convicción para apostar por un sector que, desde o PP, estimamos fundamental para o futuro de Tomiño”, manifestou Meneses.
Neste senso, a concelleira revelou que a reunión mantida polo goberno cos comerciantes de Goián orientouse a buscar a súa complicidade para obter fondos europeos para a mellora da praza, “pero non serve de nada, e así o vemos en Tomiño, ter unhas boas instalacións se non teñen xente, se non hai clientes, e non se fan políticas e se establece o clima axeitado para que veñan ao noso concello”.
Ademais, a voceira popular engadíu que as demais iniciativas “esmorecen entre a tristura e o retraso no acendido das luces de Nadal, malia que se aprobou unha modificación de crédito de 30.000 euros para tal fin, a falla de solucións serias ao grave problema do aparcamento ou unha programación cultural, musical e social de apenas siete actos concebidos de costas á rúa”.
Ao respecto, Meneses indicou que o previsto polo Concello no que se refiere a estas actividades limítase a unha acción de voluntariado, dous concertos o 10 e o 17 de decembro, unha obra de teatro o día 26, un espectáculo de maxia o 28, a festa de Fin de Ano e a Cabalgata de Reis, “porque negámonos a considerar que o Mercado de Nadal de Vilanova de Cerveira, que está incluido na nosa programación cultural, teña alguna repercusión positiva para o noso comercio”.
“Demostran unha vez máis a súa incapacidade para liderar cuestións básicas para o noso concello como é o comercio local e lamentablemente imos deixar pasar, outra vez máis e ao igual que sucede o resto do ano, a oportunidade destas festas pola falla de apoio do Concello a este sector”, concluíu a voceira popular.