O Partido Popular de Vilaboa alerta dunha situación “totalmente inxustificable e perigosa” na estrada N-554, onde tres semáforos situados en zonas de risco foron retirados nos últimos días , mentres que outros continúan apagados, aumentando de maneira evidente a inseguridade viaria.
Os puntos afectados son:
● Semáforo de Ríomaior
● Semáforo do Toural (Taparía O Toural)
● Semáforo de Santa Cristina, xunto á igrexa
Estes tres cruces son áreas de grande tránsito peonil e vehicular, cunha elevada presenza de veciños, comercios e pasos de peóns. A ausencia de regulación nunha vía nacional con forte densidade de tráfico converte estes puntos en auténticos “tramos de alto risco”.
O portavoz popular, Alberto Acuña, lembra que este ano Vilaboa rexistrou varios atropelos, algúns deles en zonas moi próximas a estes puntos agora desprotexidos.
“Eliminar semáforos ou deixalos sen funcionar nunha vía como a N-554 é unha temeridade. A xente cruza a diario por estas zonas e hoxe están completamente desprotexidas. Nin Fomento nin o Concello poden mirar para outro lado”, afirma Acuña.
O PP de Vilaboa reclama:
● A reposición urxente dos semáforos retirados,
● A reparación inmediata daqueles que permanecen apagados,
● Un informe técnico de seguridade viaria en toda a N-554 ao seu paso polo municipio.
“A seguridade dos veciños non pode depender da improvisación nin do desleixo administrativo. Precisamos que as administracións actúen xa e con responsabilidade”, conclúe Acuña.



