HomePontevedraO PP demanda a creación dun convenio coas bandas de música de...

O PP demanda a creación dun convenio coas bandas de música de Pontevedra para as festas parroquiais

- Anuncio -spot_img
  • Otero engade o estudo para a creación dun Plan Cultural Municipal para promover a participación das agrupacións, bandas ou grupos no fomento da difusión do patrimonio cultural inmaterial da cidade
  • Os populares botan en falta “un esforzo económico similar ao Programa Culturea da Deputación de Pontevedra para manter vivas as tradicións das festas parroquiais, moitas delas en risco de continuidade”

O Partido Popular de Pontevedra demandará ao goberno local do BNG a creación dun convenio coas bandas de música da cidade para incentivar a súa contratación nas festas parroquiais, co obxectivo de manter viva a ampla tradición cultural e festiva que forma parte esencial do rural pontevedrés.

“As festas patronais, gastronómicas ou de carácter tradicional son eventos que dinamizan a vida social e económica das 15 parroquias de Pontevedra, xeran cohesión comunitaria e contribúen á preservación das nosas tradicións populares”, afirmou a concelleira do PP Aroa Otero ao mesmo tempo que sinalou que son promovidas maioritariamente por comisións veciñais, asociacións culturais ou entidades sen ánimo de lucro que asumen, de maneira voluntaria, a responsabilidade de organizalas, financialas e coordinalas. 

A edil popular tamén alertou de que estas entidades enfróntanse a custos crecentes derivados da contratación de grupos musicais, seguros de responsabilidade civil, permisos, iluminación ou servizos de seguridade: “Unha festa parroquial media pode supoñer un gasto aproximado de entre 6.000€ e 15.000€, segundo o tipo de agrupacións musicais contratadas, o tamaño da parroquia e o número de días de celebración”.

Actualmente, a Deputación de Pontevedra é a administración que máis apoio ofrece ás entidades culturais e festivas da provincia a través do Programa Culturea, promovendo a difusión e posta en valor dos centos de asociacións, agrupacións e comisións de festas que poden solicitar actuacións subvencionadas de bandas de música, charangas, grupos de teatro, danza ou música tradicional.

“Dende o PP de Pontevedra botamos en falta que, do mesmo modo que a Deputación fai un esforzo económico importante por manter vivas as tradicións parroquias, o Concello non conte cun plan municipal propio que axude a financiar as festas, moitas delas en risco de continuidade”, engadiu.

Ademais, Otero apuntou á necesidade de apoiar á Banda de Música de Salcedo e á Banda de Música de Pontevedra, para que poidan ofrecer concertos dentro dun programa cultural de ámbito rural coordinado directamente dende o Concello.

A proposta do PP de Pontevedra traducirase nunha moción, que se debaterá no pleno do próximo luns, co obxectivo de “garantir a creación dun convenio coas bandas de música do Concello para coordinar e complementar as liñas de axuda e programas impulsados pola Deputación, promover a participación das bandas de música locais, fomentando a difusión e conservación do patrimonio cultural inmaterial da cidade e das parroquias e estudar a posibilidade de crear un Plan Cultural Municipal para promover a participación das agrupacións culturais e musicais locais”, concluíu.

Publicacións Relacionadas