• Pardo critica que o Ministerio para a Transición Ecolóxica paralizase o depósito de áridos en Sálvora en 2021 e, agora, aváleo como a mellor opción
• Os populares esixen explicacións ao subdelegado do Goberno e que asuma responsabilidades tras catro anos de parálises, con graves consecuencias para o sector pesqueiro e marítimo
A concelleira e senadora do Partido Popular de Pontevedra, Pepa Pardo, acusou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de “tomar o pelo a todos os pontevedreses e galegos” despois de que a Xunta de Galicia informase sobre o avance do informe técnico do CEDEX, no que se avoga por depositar os áridos da dragaxe do Lérez na zona de Sálvora, é dicir, no mesmo emprazamento que o propio Goberno de España prohibira desde 2021.
Pardo cualificou este cambio de postura de “inconcibible”, lembrando que a prohibición da vertedura en Sálvora en 2021 paralizou máis de 16 proxectos autonómicos, incluído a dragaxe do Lérez. “Agora, despois dun bloqueo de catro anos, o Ministerio conclúe que o punto de vertedura adecuada é o mesmo que xa utilizaba a Xunta?”, cuestionou.
Desde o PP de Pontevedra esixen explicacións ao Executivo central, xa que esta paralización causou graves consecuencias para o sector pesqueiro e marítimo. “Parécenos unha vergoña que un proxecto tan importante para a ría de Pontevedra estivese bloqueado tantos anos por unha decisión que parece completamente arbitraria”, sinalou a edil popular.
A senadora abordou esta parálise no Senado en repetidas ocasións, a última vez cunha pregunta escrita en novembro de 2024 que o Goberno central respondeu, a finais de decembro, con evasivas sobre o punto de vertedura.
Pardo tamén contestou ao comunicado de prensa do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, dicindo que debe dar explicacións, pedir perdón polos prexuízos ocasionados a Galicia e asumir responsabilidades: “Está no seu cargo para defender a Pontevedra e aos pontevedreses. A dragaxe do río Lérez era fundamental e foi paralizado sen motivo. Que ten que dicir respecto diso?”.
“Esta falta de criterio e este cambio de postura demostra que, en 2021, o Goberno non tiña un criterio claro nin unha xustificación real para paralizar estes proxectos. É urxente que dean unha explicación seria á cidadanía”, concluíu.

