HomePontevedraBaixo MiñoO PP do Rosal denuncia o mal funcionamento do Punto Limpo con...

O PP do Rosal denuncia o mal funcionamento do Punto Limpo con escasa atención telefónica e estritas limitacións de cantidades de residuos voluminosos

- Anuncio -spot_img

● Os populares advirten de que a mala xestión desta instalación municipal “fundamental” provoca que haxa depósitos indebidos deste lixo nos contedores ou nas súas inmediacións e esíxelle ao goberno local que atenda axeitadamente este servizo


● O voceiro do PP, Carlos Rodríguez, revela que reciben moitas queixas veciñais por estas deficiencias e sinala que “non serve de nada” a aposta pola compostaxe “se non funcionan as cousas básicas”

O grupo municipal do PP do Rosal vén de denunciar o mal funcionamento do Punto Limpo pola súa escasa atención
telefónica para a concertación da imprescindible cita previa para o emprego das instalacións e polas estritas limitacións de cantidades e peso que se poden depositar de residuos voluminosos.

Deste xeito, os populares advertiron de que esta mala xestión dunha instalación municipal, que califican de “fundamental” para contar cun concello limpo e que contribúa á preservación do medio ambiente, está a provocar que haxa depósitos indebidos deste tipo de lixo nos contedores ou nas súas inmediacións ante a “impotencia” da veciñanza. “Estamos en contra de que se deixen os voluminosos en calquera sitio, pero a xente está ata as narices de intentar contactar co Punto Limpo sen conseguilo ou que non lle recollan os seus residuos”, manifestou o voceiro municipal, Carlos Rodríguez.

Neste senso, o concelleiro popular concretou que unha das principais eivas é a deficiente atención teléfonica para concertar cita, xa que en moitas ocasións non se atende ás chamadas malia realizarse no horario establecido, e por outra banda criticou as fortes limitacións para poder deixar este voluminosos, especialmente no que se refire ás cantidades, que o PP considera moi cativas, e que afectan sobre todo aos escombros de obra.
“Todos os voluminosos deben retirarse da circulación, así que o Concello ten a obriga de artellar as solucións que sexan necesarias, porque a realidade é que se a un veciño só lle aceptan o depósito da metade dos seus escombros, a outra metade non a vai gardar na casa e vai acabar, no mellor dos casos, nun contedor.

O Punto Limpo ten que ser universal e funcionar de xeito amplo e eficaz porque se limitan o seu funcionamento e capacidade, eses voluminosos seguirán estando, sexa onde sexa, no noso concello”, indicou o edil do PP, que lle esixíu ao goberno local que atenda axeitadamente este servizo.

Finalmente, Carlos Rodríguez revelou que a súa formación está a recibir moitas queixas veciñais por estas deficiencias e que os rosaleiros comezan a estar “desesperados” porque non teñen onde depositar os seus voluminosos. Por iso, sinalou que “non serve de nada” a aposta pola compostaxe, pola reciclaxe e pola separación de residuos “se non funcionan as cousas básicas, o cal tamén explica os cativos avances nestas materias por parte do goberno nacionalista, xa que a xente non se vai sacrificar se o propio Concello non dá exemplo e facilita o axeitado depósito de residuos”.

Publicacións Relacionadas