HomePontevedraBaixo MiñoO PP do Rosal lamenta o “pésimo estado” do pavillón municipal e...

O PP do Rosal lamenta o “pésimo estado” do pavillón municipal e critica a xestión do goberno local por adiar a súa reforma integral

- Anuncio -spot_img

● Os populares denuncia que a instalación deportiva padece grandes filtracións e pingueiras de agua que prexudican moito a actividade deportiva do balonmán e do fútbol sala e ao resto dos usuarios

● O voceiro municipal, Carlos Rodríguez, asegura que o polideportivo está nunha “situación indigna” tras anos de abandono e lamenta que se desaproveitase a oportunidade de arranxalo o pasado verán

O grupo municipal do PP do Rosal vén de lamentar o “pésimo estado” no que se atopa o pavillón municipal, principalmente pola entrada de grandes cantidades de auga, e esíxelle ao goberno nacionalista que mude por completo a súa xestión en materia deportiva e aposte por acometer de xeito urxente a reforma integral desta instalación despois de que adiase a realización destas obras.

Os populares denunciaron que o polideportivo padece grandes filtracións e pingueiras de auga, derivadas do deterioro e da falta de mantemento da cuberta principalmente, que provocan o encharcamento das escaleiras, da zona de acceso aos servizos e das inmediacións da contorna do novo videotaboleiro. Todo elo e a situación xeral do pavillón provocan, segundo o PP rosaleiro, importantes prexuízos na actividade deportiva dos clubes de balonmán e de fútbol sala e tamén ao resto de usuarios.

O voceiro municipal, Carlos Rodríguez, asegurou que o pavillón municipal está nunha “situación indigna, sobre todo para un concello coma o noso que están tan volcado co deporte e no que esta instalación debería ser unha absoluta referenza” e responsabilizou deste estado ao goberno do BNG tras anos de abandono con esta instalación.

O concelleiro lamentou ademais a “desidia” do executivo nacionalista, xa que a reforma integral, co cambio da cuberta e outras melloras, íase realizar o pasado verán, pero o “pasotismo e a mala xestión” provocaron un retraso “que entendemos inxustificable, que vai provocar de novo molestias durante toda esta tempada e que agardamos que finalmente poida ter solución a mediados do ano 2026 para non entorpecer outra campaña deportiva”. Neste senso, o edil popular pedíulle ao goberno de Ánxela Fernández que actúe coa “máxima dilixencia” agora que sacou a obra a licitación para que non haxa atrancos, concurso desertos ou algunha outra circunstancia que provoque novos adiamentos.

Finalmente, Carlos Rodríguez recalcou que esta obra faise exclusivamente porque os 250.000 euros orzamentados proceden da Deputación de Pontevedra a través do Plan Especial de Infraestruturas Deportivas (PEID) e do +Provincia 2025, “o que demostra novamente que estamos a ser rescatados polo organismo provincial da nada máis absoluta á que nos somete o BNG que, se fora por eles e tiveran que recurrir a fondos propios, non arranxarían o pavillón porque nunca apostaron, como demostraron nestes seis anos, nin por esta instalación nin polo deporte do Rosal”.

Publicacións Relacionadas