• “Pedimos que non se agrande a brecha existente co corredor mediterráneo, para quen o Goberno central non escatima esforzos nin recursos. Ambos son importantes para todo o país, e ambos deben ir en paralelo”.
A senadora do PP de Pontevedra, Pilar Rojo, acaba de rexistrar na Cámara Alta varias iniciativas para esixir ao Goberno central que rectifique o mapa das autoestradas ferroviarias e inclúan o Corredor Atlántico, “unha infraestrutura imprescindible e vital para a competitividade de todo o noroeste, incluída a provincia de Pontevedra, nun momento especialmente delicado. Queremos feitos, investimentos e un impulso decidido das actuacións”.
Ademais, tamén rexistrou varias preguntas para que expliquen os motivos polos que exclúen a Galicia do mapa deseñado polo Goberno así como as razóns polas que consideran que o Corredor Atlántico non é prioritario para eles. Sinala que os plans que manexa o Goberno de España non deixan lugar a dúbidas e exclúen a Galicia da modernización do ferrocarril de mercadorías, o que supón un novo agravio e discriminación para a provincia e para Galicia. “O que está facendo o Goberno excluíndo a Galicia do mapa de autopistas ferroviarias supón un golpe nun momento especialmente importante, no que nos xogamos o futuro económico da nosa provincia. Supón perder competitividade co resto de España e de Europa”.
Rojo recorda que hai uns meses aprobouse no Senado unha iniciativa do PP para reclamar apoio e compromiso reais do Goberno co corredor Atlántico, coa abstención do grupo socialista. “Un apoio e compromiso que non se materializou neste tempo, pero o peor de todo é que ademais, agora, coñecemos que o mapa que está deseñando o Goberno exclúe deliberadamente a Galicia”.
Unha decisión que para a popular o que vai provocar é seguir agrandando a brecha existente co corredor mediterráneo, para quen o Goberno central non escatima esforzos nin recursos. “Ambos corredores son importantes para todo o país, e ambos deben ir en paralelo”, engade. Para iso, di que é fundamental apoiar o corredor Atlántico, mellorar as conexións con Portugal coa saída sur de Vigo, atender á intermodalidade na conexión do porto e do tren e que se estableza un plan director do corredor ferroviario atlántico. “Reclamamos ao Goberno de España que aproveite ao máximo os fondos europeos dispoñibles para impulsar as sinerxias entre Galicia e Portugal e reforzar así a competitividade”.
Con respecto á priorización das autoestradas ferroviarias da conexión con Portugal a través de Salamanca, a senadora popular di que é oposta á modernización do tren con Galicia que prima o Goberno portugués e contraria ao que vimos demandando desde Galicia.