O Partido Popular incluíu entre as súas emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para 2023 a conexión directa coa A-52 na saída de Lentille, Covelo, unha demanda que melloraría a mobilidade de toda a comarca. Así, os populares reclaman que se reserve unha partida no orzamento para iniciar xa o proxecto e as obras na saída 282.
Os deputados nacionais Ana Pastor e Javier Bas visitaron hoxe Covelo, acompañados polo alcalde, Pablo Castillo, e o concelleiro da Cañiza, Ismael Giráldez. O rexedor popular explicou que é unha petición histórica e fundamental non só para Covelo, senón para concellos do Condado e Paradanta, e agradeceu o compromiso dos populares para seguir esixindo en Madrid que se faga realidade.
Pola súa parte, Ana Pastor recordou que os deputados do PP xa visitaron en varias ocasións este concello, preocupados e conscientes da necesidade de mellorar esta conexión. “Comprometémonos con este concello e coas súas necesidades. Xa presentamos unha proposición non de lei no Congreso, tamén fixemos preguntas ao respecto, pero a día de hoxe seguen sen iniciar ningún tipo de proxecto. E por iso presentamos esta emenda, para que de unha vez por todas inicien o proxecto neste punto 282 da A-52”.
Ademais deste proxecto, os populares incluíron outras cinco emendas para a comarca de Paradanta. En total suman 2,6 millóns de euros. Así, para A Cañiza inclúen a mellora da seguridade vial, humanización e nova rede de pluviais da N-120 ao seu paso pola Travesía Progreso; e en Arbo e Crecente sendos proxectos para acondicionar e mellorar as instalacións das sús estacións de ferrocarril e tamén para adecuar e mellorar a rede ferroviaria de mercadorías ao seu paso por estes dous concellos.
Un traballo feito polos deputados populares, “recollendo en cada concello da provincia as aportacións, proxectos e necesidades que o PSOE está deixando atrás”. En total, as emendas do PP para a provincia inclúen máis de cen proxectos, que ascenden a 331 millóns de euros, “para intentar reverter o illamento e a falta de investimentos do Goberno central coa nosa provincia”.
| EMENDAS MÁIS SIGNIFICATIVAS DA COMARCA | CONCELLO | IMPORTE |
| Elaboración proxecto e execución das obras no enlace de Lentille na A-52 | Covelo | 400.000 € |
| Acondicionamento e mellora das instalacións das estacións de ferrocarrís | Arbo | 500.000 € |
| Adecuación e mellora da rede ferroviaria de mercancías | Arbo | 500.000 € |
| Mellora da seguridade vial, humanización e nova rede de pluviais da N120 ao seu paso pola Travesía Progreso | A Cañiza | 250.000 € |
| Acondicionamento e mellora das instalacións das estacións de ferrocarrís | Crecente | 500.000 € |
| Adecuación e mellora da rede ferroviaria de mercancías | Crecente | 500.000 € |



