• Acuña: “O obxectivo é que os veciños se poidan acoller a axudas económicas para mellorar as súas vivendas e incentivar o mercado inmobiliario para que novos compradores anímense a restaurar e mellorar as edificacións existentes”
• O concelleiro popular conseguiu, en xaneiro de 2024, o apoio da corporación municipal á súa moción para realizar melloras urbanísticas en todo San Roque pero as obras seguen pendentes dun alcalde que “abandonou o barrio á súa sorte”
O Partido Popular de Pontevedra presentou unha moción, que se debaterá entre os tres grupos da corporación municipal no pleno ordinario de xuño, para declarar A Moureira como Área de Rehabilitación Integral (ARI).
O concelleiro do PP responsable do barrio de San Roque, Iago Acuña, solicitará ao Goberno local que comece os estudos e trámites necesarios para elevar a solicitude correspondente ao Instituto Galego de Vivenda e Solo.
O obxectivo que persegue o partido máis votado da cidade é “afianzar a poboación que vive na Moureira, permitindo que se poidan acoller a axudas económicas para mellorar a estrutura ou a eficiencia enerxética das súas vivendas e, doutra banda, incentivar o mercado inmobiliario para que novos compradores poidan restaurar e mellorar as edificacións existentes”, expuxo.
O edil xa conseguiu, en xaneiro de 2024, o apoio do resto dos grupos políticos á súa moción para realizar melloras urbanísticas en todo o barrio de San Roque. Un compromiso que o Goberno local non quixo executar, ata o momento, para prexuízo dos veciños.
O PP comprometeuse con “un dos barrios que sufriu un declive considerable, durante os últimos anos, #ante un alcalde que decidiu abandonalo á súa sorte, tanto en investimentos como en materia de servizos esenciais como a limpeza ou o mantemento”.
Por iso, e pola responsabilidade de exercer de representantes de todos os cidadáns #ante o “sectarismo” do BNG, os populares seguen focalizando os seus esforzos en escoitar aos diferentes colectivos veciñais para tratar de mellorar a súa calidade de vida: “O Concello debe facer todo o que estea na súa man para conservar todo o patrimonio edificado na Moureira, como unha das zonas históricas que máis colaborou no desenvolvemento de Pontevedra durante séculos”.
Acuña animou ás outras dúas formacións políticas a dar un paseo polo barrio e observar a “gran cantidade de edificacións tradicionais antigas, algunhas xa plenamente restauradas, outras que aínda poderían acollerse a melloras estruturais e de eficiencia enerxética pero, sen dúbida, unha gran maioría en ruínas”.
Os veciños foron testemuñas do peche de negocios #ante a “pasividade dun Goberno local que non tenta reactivar a zona para evitar esa fuga de riqueza”, lamentou antes de sinalar que, hoxe en día, “todo o barrio poderíase mellorar con pequenas actuacións pero non hai vontade política no seo do Concello”.
Fronte ao “abandono” do barrio, recoñecido polo propio alcalde, o PP lidera a petición para declarar ARI toda A Moureira, previo estudo cos técnicos municipais, para “devolverlle a gloria a un dos barrios máis importantes da historia de Pontevedra e Galicia”.

