• O PP traslada o seu pesar aos ambulantes, prexudicados polas decisións “unilaterais” do alcalde e polo “engano” do PSOE que, lonxe de conseguir o ansiado retorno da feira ao centro, deu carta branca ao BNG para gobernar
• Domínguez e Pardo: “Somos conscientes do prexuízo económico que lles están causando e de que, desde o Goberno municipal, buscarán todas as fórmulas posibles para negarlles o traslado”
O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a concelleira Pepa Pardo reafirman o seu apoio aos vendedores ambulantes da feira, na súa loita por abandonar Rafael Areses e volver instalar os seus postos de venda na Alameda.
O PP preguntou durante o mandato actual, en varias comisións de Réxime Interior e na quenda de rogos e preguntas do pleno municipal, pola modificación da Ordenanza Reguladora da Venda Ambulante que permita o seu traslado real ao centro urbano pero “o goberno de Lores está a bloquear o expediente porque non quere aos feirantes en Pontevedra”, apuntou Pardo.
A edil afeou que o alcalde, despois de 25 anos co bastón de mando, “non escoite aos seus cidadáns, entre eles, as persoas que loitan por traballar e dinamizar unha cidade que se beneficiaría, cada sábado, do impacto da feira na Alameda”.
O partido máis votado da oposición trasladou a súa pesar aos representantes dos feirantes, prexudicados polas decisións “unilaterais” do alcalde e polo “engano” do Partido Socialista de Pontevedra que, lonxe de conseguir o ansiado retorno da feira á Alameda, deu carta branca ao BNG para gobernar á súa maneira.
Domínguez e Pardo continuarán á beira do colectivo porque “somos conscientes do prexuízo económico que lles están causando e de que, desde o Goberno local, buscarán todas as fórmulas posibles para negarlles o traslado”.
A reunión, na sede local da formación, finalizou cunha mensaxe de optimismo cara aos ambulantes para que sigan traballando con ilusión e esperanza porque, tarde ou cedo, volverán ao centro urbano da capital da provincia.