HomePontevedraPontevedraO PP responsabiliza ao Concello das inundacións e a deterioración do CEIP...

O PP responsabiliza ao Concello das inundacións e a deterioración do CEIP A Xunqueira I

- Anuncio -spot_img

• As concelleiras Junco e Otero reclaman unha “pronta solución” ao Goberno municipal polas “grandes balsas de auga que impiden aos alumnos facer uso do patio escolar durante a tempada de choivas do inverno”

• O Partido Popular esixe o arranxo do patio, a posta en funcionamento do ascensor, un aparcamento para bicicletas e o pintado integral da fachada do centro educativo

O Partido Popular de Pontevedra solicitou ao Concello que asuma as súas responsabilidades en materia de mantemento no CEIP A Xunqueira 1, solicitadas polo AMPA e o propio centro educativo.

As concelleiras do PP Silvia Junco e Aroa Otero visitaron as instalacións do colexio pontevedrés para comprobar as “numerosas deficiencias” que presenta o centro escolar e compartir co director Manuel Blanco a súa “preocupación” pola falta de investimentos e preservación da administración responsable do mantemento.

“O Concello de Pontevedra non ofreceu ningunha posible solución aos problemas de inundacións recorrentes no patio escolar que impediron aos alumnos facer uso das instalacións durante a tempada de choivas do inverno polas grandes balsas de auga que se acumulan no patio exterior e que, para máis inri, fan inservible o patio interior porque a zona de paso está impracticable”, recriminou Otero.

Así mesmo, a edil responsable da área de educación dos populares urxiu ao Goberno municipal a “posta en funcionamento do ascensor que a Xunta de Galicia habilitou para mellorar a accesibilidade do centro educativo e que o Concello debe poñer en servizo e facerse cargo do seu mantemento, o máis axiña posible para que, entre outras necesidades, unha nova alumna con necesidades educativas especiais poida seguir o transcurso da súa formación académica con normalidade a partir de setembro”.

A proximidade do curso escolar 2024/2025 mantén en albas ao profesorado e ás familias dos estudantes do CEIP Xunqueira I que, do mesmo xeito que o Partido Popular, tamén solicitaron ao Goberno local “un aparcamento de bicicletas e un pintado integral da fachada do centro que transmite unha imaxe de abandono total”.

Publicacións Relacionadas