HomePontevedraO PP, satisfeito porque a continuidade de Ence garante emprego e crecemento,...

O PP, satisfeito porque a continuidade de Ence garante emprego e crecemento, pide que cese xa o acoso aos traballadores

- Anuncio -spot_img

● Rafa Domínguez: “son múltiples as oportunidades económicas que se perderon nos últimos anos por culpa de Lores, polo empecinamento dun alcalde que só mira ao pasado”.


● María Ramallo afirma que todo se xogaba na sentenza do Supremo: “ao final demostrouse que as opcións eran que Ence continuase en Lourizán ou que pechase”.


● Ángel Moldes: “hoxe ábrese unha oportunidade histórica para que socialistas e nacionalistas pidan perdón porque a súa mala intención era que todos eses veciños quedasen sen o seu posto de traballo”.

O Partido Popular amosou esta mañá a súa satisfacción porque, por fin, centos de familias da comarca poden respirar con tranquilidade tras a sentenza que confirma a continuidade de Ence, e piden que tras a sentenza do Supremo cese o acoso que sufriron os traballadores por parte do PSOE e do BNG.

Así o manifestaron nunha rolda de prensa esta mañá a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e os presidentes locais de Pontevedra, Rafa Domínguez, e Poio, Ángel Moldes. Recordaron que en Pontevedra, Poio e Marín hai persoas moi vinculadas e que dependen laboralmente dunha factoría que é fundamental para o crecemento socioeconomico deste triángulo, e por iso reclamaron que “se deixe de xerar tensión e trastorno”.

Con respecto a Ence, os populares pediron que continúe traballando para seguir cumprindo os máximos estándares de seguridade e calidade medioambiental. Tamén que se esforce por crear emprego e oportunidades na contorna. E, por último, que active o Plan Social de forma retroactiva para implicarse aínda máis.

Rafa Domínguez sinalou que “estamos felices por centos de familias que ven que o seu emprego continúa, familias que sufriron durante anos o acoso de Lores contra os traballadores e a empresa, poñendo en perigo o seu emprego”, e dixo ter recibido decenas de mensaxes de traballadores, familias e veciños que lle amosaban a súa ledicia tras coñecer esta sentenza, “porque entendían que poñer en risco tantos empregos era unha situación complicada”.

Ademais, afirmou que “nestes anos Lores demostrou que non lle importa deixar na rúa a centos de persoas con tal de conseguir o seu obxectivo político. Lores está instalado nun discurso marchito e caduco que recorda a aquel desfasado autoestradas non que se usaba nos anos 80”. Criticou que o alcalde nacionalista “utilizou todos os resortes da administración local, todos os avogados e funcionarios do concello para poñer un recurso inxusto contra unha empresa, cando en realidade deberían ocuparse de garantir e xerar riqueza e emprego na cidade”.

Pero non é o único actor, continuou, “Lores puxo o recurso, pero o PSOE allanouse en Madrid”. Neste senso, recordou que “por primeira vez deuse a paradoxa de que a avogacía do Estado se allanou para contradicir ao propio estado”.

Como consecuencia de todo este proceso, indicou o voceiro local, “son múltiples as oportunidades económicas, de emprego e para xerar riqueza, que se perderon nos últimos anos a causa de Lores, polo empecinamento dun alcalde que só mira ao pasado”. Por iso, aposta por “traballar por un futuro de emprego, de crecemento e de oportunidades económicas. Non queremos seguir mirando ao pasado, e por iso esiximos que remate este acoso ás familias”.

SEMPRE AO CARÓN DOS TRABALLADORES
Pola súa parte, María Ramallo subliñou que “foi un duelo xurídico ao máis alto nivel”, e recordou que por primeira vez na historia todo se xogaba a unha sentenza do Tribunal Supremo. “Onde quedan tantas cousas que se dixeron neste tempo, mesas de negociación.. porque ao final demostrouse que as opcións eran que Ence continuase en Lourizán ou que pechase. Viuse que a opción de traslado non era real”. E nesta liña, recordou que na defensa dos postos de traballo na comarca coincidían partidos políticos, traballadores, sindicatos, empresa, patronal… “Foi un camiño complicado para todos. Nós apoiamos en todo momento unha causa que nos parecía xusta. Todas as persoas teñen dereito a ter claro o seu futuro laboral. E nós seguiremos onde estivemos sempre, ao carón dos traballadores, dos sindicatos, e dos esforzos que fixo a empresa para defenderse”. Ademais, recoñeceu que “unha sentencia diferente onte, houbese sido unha moi mala noticia para Pontevedra, para Marín e para Poio”.

Por iso, pediu “aprender a xestionar a realidade. Marín sempre fixo un traballo importante para albergar e convivir cunha instalación industrial como o Porto. Si hai unha aposta decidida, non se pode de repente querer cambiar todo e non ver cal é a realidade”.

DEBEN PEDIR DISCULPAS
Por último, Ángel Moldes dixo que “é o momento de que PSOE e BNG pidan desculpas a todas esas familias por todo o dano que lles fixeron. Onte foi un día de ledicia para as familias por esa sentenza, e hoxe ábrese unha oportunidade histórica para que socialistas e nacionalistas pidan perdón porque a súa mala intención era que todos eses veciños quedasen sen o seu posto de traballo”.

Recordou que “onte puido ser un día dramático” para as familias “que levaban anos sen saber cal ía a ser o seu futuro, nin onde ían estudiar os seus fillo o ano próximo”. Por iso felicitou aos traballadores, “porque conseguiron manter o seu posto de traballo, e non ante a empresa, porque aí xa o tiñan asegurado”. E pediu “reflexionar e cesar ese acoso. Pedimos respecto á sentencia. Non se pode dicir que a acatamos cando di o que queremos e cuestionala cando non o fai”. Con respecto á sentenza, dixo que “é momento de poñerse a traballar. Obviamente Ence ten que cumprir laboral e medioambientalmente, pero tamén debe seguir apoiando a todos eses colectivos e entidades culturais e deportivas que defenderon que a empresa e os empregos debían continuar”.

Publicacións Relacionadas