Cubela recorda que con un orzamento de 164 millóns de euros anuais e con máis de 20 millóns de remanentes, hai capacidade para aumentar esa cifra.
O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, entende que as axudas da Deputación de Pontevedra para os sectores económicos afectados pola pandemia “chegan tarde e son totalmente insuficientes”. Para o popular, 1,6 millóns de euros non se corresponde coa capacidade económica que ten a institución provincial, que manexa un orzamento anual de 164 millóns de euros e que conta con máis de 20 millóns de remanentes.
“Desde o PP levamos desde outubro reclamando axudas directas da Deputación para autónomos e pemes co rexeitamento reiterado do Goberno provincial, que agora, grazas á presión do noso grupo e do propio sector, aproba unhas axudas pola mínima e que están moi lonxe do que necesita o sector”. Nesta liña, di que “demostramos que non era que non puideran, era que non querían”.
Por iso, os populares presentan propostas “serias e viables” para facer destas axudas “o plan que realmente precisan todos eses autónomos e pemes que están padecendo de xeito importante as consecuencias económicas da pandemia”.
A primeira, sinala Cubela, é suplantar o plan concellos con máis de 1,6 millóns de euros, “porque hai capacidade económica, só falta a vontade política para facelo”. As axudas que plantexa o Goberno provincial son insuficientes. Oscilarán entre os 200 e 300 euros por negocio, dependendo do concello. Porque, explica, “o criterio para repartir as axudas provoca desigualdade. Só teñen en conta a poboación de cada concello, cando non está relacionado co número de negocios que hai nese municipio”. Así, por exemplo, di que dous concellos co mesmo número de veciños recibirán a mesma cantidade da Deputación, sen ter en conta que nun deles hai máis hostalería e pemes que no outro e, polo tanto, as axudas serán menores. Por iso, o PP pide que tamén compute para o reparto dos cartos entre os concellos o número de negocios, un dato que poden obter do ORAL.
Ademais, os populares queren que deixen decidir aos propios concellos, dentro da súa autonomía, si con esta ampliación do Plan Concellos queren aprobar axudas directas, integrarse no fondo da Xunta ou repartilas a través de colectivos empresariais. “Non só están obrigando aos hosteleiros e autónomos a reclamar axudas en dúas ventanillas cando o máis cómodo e rápido sería facelo a través de unha ventanilla única, senón que ademais están cargando aos concellos cunha responsabilidade e cuns trámites para os que non teñen persoal dabondo para sacalas coa urxencia que o sector precisa. Como exemplos, cita que moitos concellos que na primeira onda da pandemia aprobaron axudas directas, tardaron entre 5 e 7 meses en poder tramitar e pagar todas as axudas.
“Estamos en tempo de desconto. As axudas da Deputación son insuficientes e chegan tarde, e por iso entendemos que deben deixar que cada concello decida cal é o modelo de reparto que prefire para garantir que cheguen coa máxima dilixencia”.
Outra das propostas que fan desde o PP é que se amplíe o límite de 10 traballadores para as pemes, xa que do contrario, restaurantes, cafeterías e outros negocios afectados con 12 traballadores quedarían directamente excluídos das axudas.
Por último, recordan que, ao contrario do que dixo a presidenta, os cartos da Deputación non van chegar a toda a provincia. “Queren metelo dentro do plan concellos en lugar de aprobar unha liña de axudas específicas desde a Deputación con criterios igualitarios para toda a provincia”.