O PP sitúa os concertos da Peregrina “á cola” da programación de verán en Galicia

adminON
Lectura mínima de 3

• O Partido Popular lamenta a “falta de ambición do alcalde” que contrasta coa realidade doutras cidades galegas que, a diferenza de Pontevedra, reforzan a súa programación anual con “concertos de tirada nacional e internacional, que poñen a Galicia no mapa”

• Guille Juncal pide “apostar moito máis polo talento propio de Pontevedra, cada vez máis amplo e variado, xunto a cabezas de cartel de primerísimo nivel”

O Partido Popular de Pontevedra coincide co sentir maioritario dos cidadáns tras o anuncio, por parte do Goberno municipal, dos concertos das festas da Peregrina: “Sensación de absoluta decepción, compartida pola maioría dos nosos veciños e veciñas que non entenden por que Pontevedra volve quedar á cola das cidades na programación de verán”.

O concelleiro do PP Guille Juncal trasladou o hastío do grupo municipal cara a un cartel no que “cremos que se debería apostar moito máis polo talento propio de Pontevedra e Galicia, cada vez máis amplo e variado, con artistas que están a ser referencia no panorama nacional”.

Doutra banda, os populares botan en falta “cabezas de cartel de primerísimo nivel” que atraen visitantes que se aloxan nos establecementos hostaleiros da Boa Vila e que consomen da gastronomía na restauración local.

“Esta falta de ambición do alcalde contrasta coa realidade doutras cidades próximas como A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo que, a diferenza de Pontevedra, reforzan a súa programación festiva anual, con concertos de tirada nacional e internacional, que contribúen a poñer a Galicia no mapa”, expuxo.

Juncal reivindicou que “Galicia está de moda, coa súa aposta por un turismo sostible e de calidade. Desde o PP de Pontevedra apostamos, e seguiremos apostando sempre, por unhas festas de verán á altura dunha capital de provincia. A fórmula idónea, para que os concertos da Peregrina sexan referencia, é a simbiose do talento autóctono coa chegada de artistas de primeiro nivel”.

A cidade do Lérez beneficiarase dos miles de peregrinos que realizarán o Camiño Portugués e do auxe turístico das Rías Baixas durante o verán. Unha “oportunidade excepcional” para dinamizar a economía local durante a semana máis festiva do ano e mudar a “visión reduccionista” do alcalde nacionalista.

Comparte este artigo