• Cubela di que as reclamacións dos alcaldes e alcaldesas “non son un capricho. Son unha necesidade ante unha situación moi complicada e que debe ter unha resposta da administración competente, que é a Deputación de Pontevedra”.
• Advirte que están en xogo servizos municipais básicos porque o Bipartito “continúa na súa cerrazón de non contar nin escoitar a ninguén”.
O grupo provincial do Partido Popular votará o venres en contra duns orzamentos provinciais para 2023 “que van deixar atrás aos pequenos e medianos concellos e aos seus veciños”. O voceiro, Jorge Cubela, di que “non podemos aprobar unhas contas que son moi malas, que están feitas sen ter en conta a grave situación económica que afecta a familias, empresas e concellos. Unhas contas feitas de costas a todos, sen consenso e sen diálogo”.
Cubela defende que as reclamacións dos alcaldes e alcaldesas “non son un capricho. Son unha necesidade ante unha situación moi complicada e que debe ter unha resposta da administración competente, que é a Deputación de Pontevedra”. Recorda que son as institucións provinciais as que deben asegurar a prestación integral dos servizos públicos de competencia municipal. “E os alcaldes e alcaldesas desta provincia estamos dicindo que debemos manter os servizos municipais básicos que prestamos: a iluminación, o saneamento, as axudas sociais, o mantemento de instalacións educativas, deportivas, culturais e sociais; as actividades; o mantemento e limpeza das estradas…”.
Para o deputado popular “resulta sorprendente que este Goberno poida estar tan illado da realidade desta provincia”, e denuncia que “é indefendible e, moito menos entendible, que presuman de ter o maior orzamento da historia da Deputación de Pontevedra para o ano 2023 e que eses cartos se destinen para todo menos para apoiar aos concellos e aos seus veciños. A pregunta é sinxela, fai esta Deputación algún esforzo extra para atender as súas demandas e prioridades? Non ofrecen absolutamente nada novo nas contas con respecto a anos anteriores”.
Así, critica que deses 11 millóns de euros máis cos que conta con respecto a este ano, actualizan o Plan Concellos pola mínima. “Onde están os outros 10 millóns? Por que ese rexeitamento a colaborar cos concellos? Non se dan conta que prestamos atención e servizos directos á cidadanía? Que máis competencia ten esta Deputación que prestar apoio aos concellos?”, pregunta Cubela. E lonxe de apostar polos concellos, “este Goberno volve a priorizar ser o Goberno dos titulares e da propaganda, están reforzando todas as áreas que lle permiten a Carmela Silva e a César Mosquera continuar coa súa labor permanente de autobombo”.
Di que o PSOE de Vigo e o BNG de Pontevedra “continúan na súa cerrazón de non contar con ninguén. Non escoitan nin ao PP nin aos seus propios alcaldes, que denunciaron xa publicamente que non poden compartir esta forma de Gobernar”. Para os populares, “con todas as dificultades, con toda a crise económica que afecta a familias, empresas e concellos, o Goberno provincial debería apostar por un orzamento municipalista, para atender as demandas, as necesidades e os retos que ten a nosa provincia. E fai xusto o contrario”.



