Unha anciá que vive soa ten problemas de subministro de gasóleo para calefacción por medo a que o camión sufra un accidente e se desplome o muro de contención do camiño.
Partido Popular de Ponte Caldelas levará ao vindeiro Pleno de finais deste mes as queixas recibidas por parte de varios veciños da parroquia de Barbudo referentes ao mal estado, con ameaza de derrube, do Camiño do Casteliño, así como determinadas necesidades relacionadas coa mellora da iluminación nos camiños do entorno do Casino así como o bacheo e asfaltado dos mesmos.
Os populares consideran de urxente intervención no Camiño do Casteliño, no ramal que dá acceso a unha vivenda onde vive soa unha anciá octoxenaria que ten dificultades para que a empresa subministradora de gasóleo para a calefacción poida atendela nestes días de intenso frío xa que o camión, para acceder ao seu domicilio ten que pasar por este vial que ameaza derrube e, de feito, xa caíron varias pedras que fan de sostén e as fendas pódense observar a simple vista evidenciando un grave risco de desprendemento e de colapso.
Ademais, o mal estado deste camiño dificultaría o acceso de vehículos de emerxencia e mesmo ambulancias no caso de que fora necesaria a súa chegada xa que o firme non dá seguridade algunha para que este tipo de automóbiles pesados circulen polo actual trazado tal e como está.
Por outra banda, os populares trasladarán ao Pleno as queixas de varios veciños sobre a falta de visibilidade e de iluminación nos camiños existentes debaixo do Casino de Barbudo tras unha reorganización feita polo goberno municipal do alumeado público existente. Retiráronse varios puntos de luz no entorno deste local social e non se ubicaron outros substitutivos que tiveran a mesma función polo que os veciños se queixan de situacións de perigo para a seguridade vial para as persoas maiores con problemas de mobilidade xa que a falta de iluminación axeitada dificulta o tránsito seguro pola zona.
Finalmente tamén trasladarán ao Pleno a necesidade de bachear ou asfaltar varios tramos dos camiños adxacentes ao Casino de Barbudo que se atopan en situación de grave deterioro polo uso de vehículos, sobre todo no lugar utilizado habitualmente para que os automóbiles dean a volta ante os angostos e estreitos viais da zona.